Trátase dunha obra que permitirá ter unha nova alternativa para o abastecemento de corrente de auga en momentos nos que a demanda que se dá pode comprometer a presión do caudal
O Concello de Marín está levando a cabo a execución dunha obra de mellora do comportamento hidráulico na parroquia de Seixo, á altura da gasolinera, coa que se pretende facer unha nova conexión entre a rede de ACUAES e a rede de abastecemento municipal da parroquia.
Con esta obra, que xa leva executándose dúas semanas e que está previsto poida estar finalizada cara a semana que vén, o que se procura é dar unha continuidade a esta rede, de tal xeito que se habilite unha nova vía de subministro hidráulico cunha maior capacidade de presión.
Precisamente, esta conexión o que permite é mellorar esa presión que en momentos nos que aumenta a demanda de consumo de auga, como é a época do verán, na que aumenta a poboación na parroquia e o requerimento hidráulico, o que conleva que en determinados momentos poida verse comprometido o abastecemento nas partes máis altas de Seixo.
Con este aumento de presión a través da conexión de Acuaes poderase mellorar este punto. “Trátase”, tal e como explican fontes municipais, “de ir sempre dando pasos na mellora da rede de abastecemento de auga e poder cubrir en todo momento a demanda que se dá, incluso cando esta se incrementa”.