Nun principio todos -BNG, PSdeG, AV e EI- mostraron a súa dispoñibilidade para asistir
Os encargados de reunirse cos diferentes partidos políticos que obtiveron representación no Concello tras as eleccións do pasado domingo por parte do PSdeG que lidera Iria Malvido son Hugo Fandiño, ex secretaria xeral do partido e ex concelleiro, e Adrián Pazos, coordinador da campaña electoral. Ambos, explica Malvido, dúas pezas fundamentais «polo seu contacto directo coa campaña» para este equipo negociador que tratará de chegar a un acordo co resto de partidos da esquerda para evitar que o PP chegue a gobernar o Concello cangués. Iria non estará presente nas reunións, cuxos acordos deberán ter o visto e prace da Executiva do partido e do secretario xeral.
Pola súa banda, o BNG tamén ten xa comisión e tratará de elaborar un calendario de reunións a catro bandas «con todas as forzas da esquerda», avanza Araceli Gestido, pero falta por concretar o como e o cando. Neste caso, os nacionalistas encargados de sentar serán Sergio Alexandre Nunes, Leonor García e Óliver Álvarez.
Precisamente este último trasladou a Morrazo Noticias que nun principio todas as forzas políticas mostraron a súa disposición para asistir á reunión que está prevista mañá na Cámara Agraria de Cangas ás 11:00 horas. Será o primeiro encontro no que se creará unha folla de ruta para as seguintes reunións. «Entendemos perfectamente o que pasou o 28 de maio, que quen gañou (BNG) ten que negociar co resto de forzas políticas. Só conseguiremos cambiar Cangas coa colaboración e o diálogo do resto de forzas. Imos sentarnos todos e todas bilateralmente para debater se todos queremos formar un goberno que saque a Cangas deste estancamento. Mañá faremos un calendario e unha folla de roteiro para seguintes reunións», avanzou.