A nova infraestrutura supón unha inversión de 8,3 millóns e substituirá o centro de saúde da Casa do Mar. Contará con máis de 3.500 m², duplicando a superficie do actual
A Xunta de Galicia inicia os traballos de construción do novo centro de saúde de Sisalde, en Moaña, por un importe de 8,3 millóns de euros. A nova infraestrutura sanitaria substituirá o centro de saúde da Casa do Mar, e duplicará a súa superficie ata superar os 3.500 m².
Esta obra comeza menos dun ano despois que o Concello de Moaña completara en agosto de 2022 a cesión á Xunta dun terreo municipal de 2.067 m², un trámite no que administración municipal empregou dous anos e medio desde a sinatura do convenio de colaboración entre Xunta e Concello en febreiro de 2020. Unha demora que obrigou ao goberno galego a contratar de xeito excepcional, aínda sen ter transferida a parcela, a redacción do proxecto básico e as prestacións opcionais de redacción do proxecto de execución e da dirección de obra do novo centro de saúde.
Agora, co inicio destas obras, cuxa execución se estenderá durante 15 meses, a Xunta comeza a materializar o centro proxectado, que incrementará dun xeito considerable o número de espazos, en comparación co actual. Neste senso, segundo o Plan Funcional, contará con 8 consultas de medicina, 6 de enfermería, 1 de matrona, sala de toma de mostras, sala de técnicas, 6 salas polivalentes, 2 consultas de pediatría, 2 salas de enfermería pediátrica e 2 salas polivalentes de pediatría. Ademais, tamén contará cun despacho de coordinación; 1 sala de educación sanitaria e área bucodental; de fisioterapia; así como un despacho para o traballador social e sala de telemedicina e ecografías.
A Xunta acordou co Concello de Moaña que as salas polivalentes situadas na planta baixa poidan ser usadas como Punto de Atención Continuada namentres non se poña en marcha o PAC unificado previsto no futuro Centro Integral de Saúde do Morrazo, do que aínda se segue á espera de cesión de parcela por parte do Concello de Cangas.
Tres novos médicos para o centro de saúde de Moaña
Aparellada á construción desta nova infraestrutura sanitaria para Moaña, a Xunta tamén reforzou a atención primaria neste concello a través da cobertura, mediante concurso de méritos, de tres prazas de facultativo especialista de atención primaria que teñen permitido que nestes momentos o centro teña o seu cadro de persoal completo, sen ningunha vacante, e garantindo a asistencia continuada en mañá e tarde.
Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria
A construción do novo centro de saúde en Moaña inclúese dentro do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primara que a Xunta aprobou en outubro de 2021. Esta folla de ruta, centra as prioridades a curto e medio prazo da cobertura sanitaria á poboación galega, ao tempo que axiliza os trámites e prioriza os investimentos.
Trátase do segundo inmoble de nova construción deste Plan que inicia as súas obras tralo recente comezo da obra de construción do novo CIS Olimpia Valencia de Vigo, cuxo importe ascende até os 14,2 millóns de euros.