A artista xunto á alcaldesa e os concelleiros Xosé Daniel Costas e Coral Ríos na presentación do concerto. FOTO: Diego Seixo.

Un escenario especial para unha artista especial. O vindeiro luns a contorna do palco da música, tras a praza de abastos, acollerá o concerto da raiana Erea Castro, nacida na fronteira entre España e Portugal, concretamente en Salvaterra do Miño, pero que fixo da música a súa gran paixón. E non dunha música calquera, senón do fado, onde o sentimento, o recordo e a mestura dos dous países son capaces de tocar o corazón ata o máis profundo para acabar con conceptos sobre a identidade asociada a españois, portugueses e galegos. Será ás dez da noite e terá carácter gratuíto.

«Este ano queremos traer algo novo a Moaña, sabemos que hai moitos amantes do fado e quisemos traer a unha gran diva como é Erea Castro. Namoroume porque a coñecí por terceiras persoas, a mirei e encantoume e todo o que me gusta procuro compartilo coa xente de Moaña e con toda a xente que nos visita», explicou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Coral Ríos, durante a presentación do concerto.

Erea Castro durante a presentación no Concello. FOTO: Diego Seixo.

Castro, presente tamén no acto celebrado no Concello, recoñeceu a «honra» que supón para ela poder ofrecer un concerto en Moaña. «É un enclave fundamental, non só na historia da emigración, que ten que ver co meu proxecto, senón na miña propia historia familiar. A miña avoa é unha gran apaixonada de Moaña e para a miña estar aquí é facer unha pequena homenaxe a ese recordo da miña avoa. Ademais, Moaña é unha vila mariñeira que ten unha forte tradición e vínculo con Portugal, onde moitos veciños e veciñas fóronse a traballar a moitas partes do mundo», manifestou a artista aos medios de comunicación.

Erea Castro presentará aos moañeses o seu primeiro sinxelo «Arraial», publicado en 2020, co que trae consigo unha xira cun espectáculo de hora e media baseado na transformación de temas musicais consagrados á cultura de ambos os países, así como coa produción de temas propios nos que recolle elementos comúns da tradición e etnografía luso-galega. Engade á devandita fusión a sonoridade do fado, de Miño. folclore e ritmos latinos, creando así un concepto de identidade sen fronteiras ao máis puro estilo ibérico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *