As persoas interesadas en participar inscribiranse a partir deste xoves de dúas formas: para as ximnasias na piscina, terá que ser nas propias instalacións, e para os outros lugares, no Rexistro Xeral ou a través da Sede Electrónica
O Concello de Bueu, a través da concellaría de deportes, porá en marcha a partir de outubro ‘Manténdonos en forma’, o programa de actividades físico –deportivas para a cidadanía que se desenvolverán en diversos espazos municipais, como a Piscina Municipal das Lagoas e tamén nos lugares de Beluso, Cela e Meiro. As persoas que queiran participar nel deberán inscribirse dende este xoves, 13 de setembro, presencialmente e de forma individual nas instalacións da piscina en horario de 9.00 a 12.00 h e de 17 a 21.00 horas; mentres que para as ximnasias nos lugares a inscrición terá que facerse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica a través dun formulario habilitado para tal fin.
Ricardo Verde, concelleiro de deportes, salienta que “dende o Concello continuamos apostando por esta iniciativa que conta con gran acollida por parte da poboación e que achega o deporte e a saúde a moitas franxas de poboación”. O programa ofertará un total de 330 prazas, sendo 225 para a piscina, 60 para Beluso, 30 para Cela e 15 para Meiro.
As clases serán gratuítas e terán unha duración dunha hora. Concretamente, na piscina haberá grupos os luns e xoves ás 10, 11 e 12 horas, os martes e venres, ás mesmas horas, e os mércores e venres ás 18, 19 e 20 horas. En Cela, as clases serán os martes e xoves ás 9 e ás 10 horas, e en Beluso, ás mesmas horas os luns e mércores. Por último, no lugar de Meiro serán os luns e mércores ás 17 horas.
Dende o goberno local continúase apostando polas políticas de fomento de actividades deportivas no marco da acción “Bueu Saudable” que ano tras ano acolle a moitísimas persoas que realizan deporte adaptado, ademais de promover charlas sobre hábitos saudables.