Habilitouse unha web con toda a información para a cidadanía e cun vídeo explicativo da Axenda: https://www.axendaurbanamarin.com/
A Axenda Urbana de Marín xa é unha realidade. A alcaldesa María Ramallo e o tenente alcalde Manuel Santos presentaron o documento definitivo, que se aprobou no Pleno da Corporación deste semana e que será a folla de ruta que marque os alicerces do Marín do futuro. “A Axenda Urbana é o maior instrumento de planificación estratéxica que fixemos neste Concello ata a data. É un documento vivo, no que traballamos man a man cunha consultora durante meses, pasando por un intenso proceso de participacion cidadá e pola revisión e análise dos servizos técnicos municipais”, explicou a alcaldesa.
A Axenda Urbana toma como base os obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU e o propio marco da Axenda Urbana Española, impulsada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “O que conseguimos é aterrar no ámbito local eses obxectivos tan amplos e xenéricos, para ver que necesidades ten Marín e cales son as actuacións que axudarán a cubrilas”, argumentou a rexedora.
Pero é que ademais, unha parte vital de contar xa coa Axenda Urbana de Marín e que se trata dun requisito imprescindible para optar ás novas convocatorias de fondos europeos que están por chegar o ano que ven: “Xa nos avisaron de que aqueles lugares que non conten con esta planificación estratéxica non poderán optar a financiación da Unión Europea, por iso fixemos os deberes e cumplimos, porque queremos volver acadar fondos como os que nos permitiron desenvolver os proxectos incluidos no Marín Dusi”.
A Axenda estrutúrase en cinco grandes bloques de actuación, dos que penduran un total de 19 liñas de acción, que se concretan da seguinte maneira:
REXENERACIÓN URBANA
Humanización das principais áreas urbanas e de actividade (Avenida de Exército e Marina, Rúa Lameira, Rúa da Ponte, Méndez Núñez…)
Rehabilitación das nosas barriadas
Impulso do parque de vivenda residencial
TERRITORIO E MEDIO AMBIENTE
Creación dun Plan de Acción contra as consecuencias do cambio climático
Ampliación da rede separativa de abastecemento e saneamento
Restauración ecolóxica dos ríos Lameira e Loira
Rexeneración paisaxística da praia de Mogor
MOBILIDADE SOSTIBLE
Creación dunha rede de camiños escolares
Elaboración dun Plan de Accesibilidade municipal
Impulso do proxecto MARES, a través da Zona 2H e dos aparcadoiros públicos gratuitos
Creación dun parking subterráneo no Parque Eguren
Avaliación e posta en marcha dun sistema de transporte a demanda
Creación de máis sendas peonís e ciclistas
TURISMO, ECONOMÍA E INNOVACIÓN DIXITAL
Mantemento e crecemento do escaparate virtual Marín en Rede
Plan de formación de profesionais, man a man co Porto e as empresas da contorna, para cubrir necesidades de emprego
Desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística
Conversión de Marín nun territorio smart, que use os avances da tecnoloxía Big Data
COHESIÓN SOCIAL
Elaboración de protocolos e campañas en favor da saúde física, psicolóxica e de atención á diversidade, sobre todo en poboación adolescente
Mellora da conectividade dixital nas áreas rurais
Plan de envellecemento activo, reducindo a brecha dixital e o risco de soidade
Fomento da participación pública, coa creación dunha plataforma específica para iso e a posta en marcha de asembleas parroquiais e de xuventude
Reconexión de Marín co Porto e a Escola Naval Militar
Unha web aberta con toda a información e posibilidade de participación
O obxectivo da Axenda Urbana é que sexa un documento de todos os marinenses, que poidan consultalo e participar del en calquera momento. Por iso, habilitouse unha páxina web con toda a información relativa á Axenda, cos documentos dispoñibles para a súa descarga: https://www.axendaurbanamarin.com/
Ademais, esta web dispón dun apartado de participación cidadá no que as persoas poderán entrar para deixar suxerencias.