Os premios constarán de 1500 euros, e no caso do de poesía, na edición do poemario gañador por parte da editorial Xerais
O Concello de Bueu vén de convocar os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxo prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 31 de xaneiro de 2024, e que contarán cunha dotación económica de 1500 € para ambas categorías amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais.
As persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web do Concello de Bueu .
Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira. O certame celebra este ano a vixésimo sétima edición na categoría de poesía e a vixésimo primeira na de xornalismo. Na última convocatoria resultaron gañadores Manuel López Rodríguez co poemario 831-Urb (que se publicará o vindeiro ano da man da editorial Xerais) e o xornalista Héctor Pena coa reportaxe “Historia inacabada do deporte galego” publicada no xornal Nós Diario.
O certame, que xa conta con moita historia a nivel galego, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Nieves Neira, Antía Yáñez, entre outr@s; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Emma Pedreira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde…