Estado no que se atopa o polígono de Castiñeiras neste momento.

A voceira popular, Elena Estévez, lamentou “o voto en contra do goberno local á nosa moción de mellora, porque é un voto en contra do propio Polígono”

“Unha oportunidade perdida para seguir avanzando”. Así cualificou a voceira popular, Elena Estévez, o voto en contra do goberno local á moción para a mellora do Polígono Industrial de Castiñeiras, unha proposta que buscaba desenvolver un plan de actuación para a mellora do Polígono Industrial, así como a impulsar un plan propio de mellora e posta en valor das mámoas de Castiñeiras. Dese xeito, Estévez censurou que “mentres na Comisión de Asuntos Xerais un membro do goberno recoñeceu o mal estado do parque, agora decidan facer seguidismo de Juncal e renunciar a ter opinión propia”.

Non obstante, Estévez afirmou que “o Partido Popular está xa no día seguinte e seguirá a presentar propostas e a pedir melloras para un Polígono Industrial que é unha peza fundamental da nosa economía e das empresas”. Así, insistiu “na necesidade de que desde o Concello se dea exemplo coa limpeza da nave do Concello, na que hai incluso coches abandonados que só hai que levar ao desgüace”, xa que “a Administración municipal ha de ser a primeira en cumprir cuns mínimos”.

Ademais, Estévez púxolle outros deberes ao goberno local, tales como a poda das árbores, o desbroce de todo o Polígono e a súa resinalización. “En moitas ocasións, o goberno cre que o importante son as obras faraónicas, cando neste caso do que se trata é de que todo o mundo poida acceder ao espazo, que estea todo ben sinalizado e limpo”, sinalou, cuestionando que “hai dous días a Xosé Leal, voceiro do goberno, lle parecese que o espazo non estaba tan mal, cando a realidade non é opinable, senón que é a que é, e é que o Polígono ten múltiples deficiencias que hai que solucionar desde o Concello e que son competencia municipal en exclusiva”.

Estévez tamén lamentou que “desde o novo bipartito se vote en contra afirmando que xa se están facendo traballos, cando hai máis por facer que feito”, o que, ao seu xuízo, é “a escusa de sempre neste novo mandato, que xa deron mil veces nas anteriores peticións do PP e que está máis que desgastada”. “Instamos a todos os concelleiros implicados a traballar para que o noso Polígono mellore e avance”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *