O Concello de Moaña porá en marcha un ano máis o Programa de axuda Moaña Iguala Nadal. Utilizarán o mesmo sistema de vales que até o de agora foi utilizado co «Programa Moaña Iguala» en colaboración co pequeno comercio local.
O obxectivo xeral do programa «Moaña Iguala Nadal», segundo a súa concelleira de Benestar Social, María Sanluís, «é facer que as familias en risco de exclusión social poidan gozar destas datas dunha maneira máis igualitaria que o resto das familias do Concello».
Para a execución desta acción, cada familia valorada como vulnerable polo persoal técnico do departamento de Servizos Sociais do Concello, especialmente si teñen crianzas a cargo, recibirá vales para intercambialos por produtos de necesidades básicas no pequeno comercio local.
Os comercios colaboradores son captados a través do contacto coas asociacións de comercio local ACIMO e ASENMO.
Os establecementos que non pertenzan a ningunha destas asociacións tamén poderán anotarse como comercios colaboradores no prazo do 15 ao 25 de novembro de 2023, chamando ao Departamento de Servizos Sociais Municipais ao teléfono 986 310 100 ou no teléfono móbil 679 717 641.