A maioría dos eventos programados terán lugar nunha carpa situada no aparcadoiro de As Lagoas
O Concello de Bueu organiza un amplo programa de actividades para celebrar as Festas do San Martiño, que se desenvolverá esta fin de semana, dende o venres ao domingo. Música, teatro, magosto, xogos tradicionais e inchables, constitúen as apostas do Concello coa colaboración de colectivos da vila, para unhas festas variadas e diversas, que se concentrarán na carpa situada en As Lagoas, ademais doutras localizacións.
O programa está organizado polo Concello de Bueu, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e doutros colectivos, como as anpas do municipio, o Club de Atletismo Corredoiras, ou a Asociación Cultural Santos Reis. Carmen García, concelleira de Cultura, salientou “se trata dunha festa con eventos variados e amplos dos que poderán gozar todos os públicos, como xa vén sendo habitual”.
O programa arrancará este venres, 10 de novembro, cun coloquio a cargo do veciño e investigador local Manuel Aldao, quen presentará unha investigación que levou a cabo arredor da Igrexa de San Martiño de Bueu e da súa contorna, e que se celebrará ás 18.30 horas na propia igrexa. A continuación, ás 22.30 horas, a carpa de As Lagoas acollerá un concerto de Mediarea con posterior foliada aberta, na que se anima a participar á cidadanía. Neste sentido, García destaca a aposta da concellaría “pola música tradicional, unha liña que seguiremos a explorar en eventos futuros”.
O sábado, coincidindo coa festividade de San Martiño, a xornada abrirase ás 11 horas polas rúas da vila con animación a cargo da charanga Noroeste. Ás 12 horas serán os oficios relixiosos na honra de San Martiño coa Coral Polifónica Marusía. Xa pola tarde, os pequenos e pequenas poderán gozar na carpa, entre as 16.30 e as 19.30 horas, de xogos populares e inchables de balde, con propostas para diversas idades. Ás 17.00 horas arrancará a tradicional XXVI Carreira de San Martiño, primeiro coas categorías inferiores e logo da absoluta.
Ás 20 horas, o Centro Social do Mar acollerá a obra teatral “#2Pilgrims” de Redrum Teatro, da que se poderá gozar de balde grazas ao programa “Tornar ás Táboas” da Deputación de Pontevedra. Esta proposta aborda o Camiño de Santiago, e outros temas necesarios como a igualdade e as novas masculinidades ou as redes sociais, reivindicando o labor do teatro como motor de cambio social e con tons de comedia. Pola noite, a partir das 21 horas, a carpa de As Lagoas encherase de música cunha verbena amenizada pola Orquestra Triunfo e un DJ Santymix.
O domingo volverá haber animación de rúa pola mañá coa charanga Os Jaláticos. Ás 12 horas desenvolveranse os oficios relixiosos na igrexa na honra de San Roque, nos que a Coral Polifónica de Bueu poñerá o toque musical. Pola tarde voltarán os xogos tradicionais e inchables á carpa, e ás 17 horas poderase gozar dun magosto popular organizado coa colaboración das asociacións de nais e pais dos colexios da vila. Ás 18.30 horas, o Centro Social do Mar volverá organizar, tras o éxito do ano pasado, o II Concerto de Corais de San Martiño, un evento no que actuarán as corais da vila, como a Coral Polifónica de Beluso, a Coral Polifónica Marusía, o Coro de Cela e a Coral Polifónica de Bueu. Os festexos rematarán ás 20.30 h coa verbena a cargo do Grupo Ti Tac na carpa de As Lagoas.
Ademais, o 11 e o 12 de novembro, a Asociación Cultural Santos Reis organiza, como vén sendo habitual, a XXIV Mostra de Fotos Antigas, que se poderá ver no adro pequeno da igrexa, e que amosará fotos históricas de paisaxes e xentes de Bueu.