O Consello Municipal da Muller acordou recoñecer de forma simbólica ás mulleres asasinadas por violencia machista, ás que aínda están atravesando unha situación así e as que conseguiron saír dela
O Concello de Marín dará un novo sentido ao Lazo Violeta na conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Tras a decisión adoptada no Consello Municipal da Muller, os tradicionais premios que se entregaban cada ano no acto institucional converteranse nun recoñecemento colectivo ás mulleres asasinadas pola violencia machista, a todas aquelas que seguen padecéndoa e as que conseguiron escapar dunha situación así.
A memoria, a dignidade, a reparación e a esperanza serán os eixes deste novo enfoque. O recoñecemento Lazo Violeta quere dignificar as vítimas e expresar o compromiso de toda a sociedade coa súa causa, evitando a revitimización e situando o foco na responsabilidade dos agresores.
Esta transformación terá tamén o seu reflexo na estrutura do acto institucional do 25 de novembro. Non haberá unha persoa ou entidade concreta que recolla un premio, senón un recoñecemento compartido que incorporará testemuños e historias de mulleres, tratados desde a delicadeza e o respecto e mostrando distintas situacións para que todas as mulleres, independentemente do punto no que estean, poidan sentirse recoñecidas e interpeladas.
Desde o Concello de Marín reivindican a importancia do 25N como unha data que sitúa a violencia contra as mulleres na primeira liña da axenda pública e reforza a necesidade de manter unha resposta colectiva durante todo o ano. Segundo os últimos datos oficiais dispoñibles a 4 de novembro, publicados polo Ministerio de Igualdade o 30 de outubro, 44 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas no que vai de 2026.
Sensibilización fronte ás violencias dixitais e á submisión química
Por outra banda, a conmemoración deste ano poñerá tamén o foco nas formas de violencia que afectan especialmente ás mulleres novas, tanto no ámbito dixital, coa ciberacoso e o mal uso da IA, como nos espazos presenciais, coa submisión
química.
Neste marco, o CIM está a desenvolver unha campaña específica para dar a coñecer as chamadas pulseiras centinela e explicar o seu uso. Estes recursos estarán á disposición das persoas que os precisen nos Puntos Violeta dos eventos multitudinarios. As pulseiras permiten realizar comprobacións sobre a posible presenza de determinadas substancias nas bebidas, dentro dos límites de cada test, relacionadas cos delitos de submisión química, complementando o traballo posterior de atención sanitaria no caso de sufrir unha situación desta índole.
O traballo preventivo xa está en marcha nos centros educativos, onde se están impartindo sesións formativas desde finais de outubro e ao longo de todo novembro. O obxectivo é achegar coñecemento á mocidade, facilitar aidentificación destas violencias e reforzar a capacidade de pedir apoio.
Con este novo enfoque do Lazo Violeta e coas accións de sensibilización, Marín quere facer do 25N un espazo de memoria e compromiso: recoñecer as mulleres que sufriron e sofren violencia, acompañalas e reafirmar que a responsabilidade corresponde sempre a quen a exerce.
