Teatro, música, humor e animación gratuitos para o público infantil e familiar, desde o 6 de novembro ata o 30 de decembro en Quintela, Domaio e o Espazo de Nadal
O Concello de Moaña presenta o novo ciclo dos Rechouchíos, o programa de dinamización lectora e lingüística dirixido ao público infantil e familiar, organizado polas concellarías de Normalización Lingüística, Cultura e Igualdade. A iniciativa ten por obxectivo organizar de maneira estable actividades culturais relacionadas coa dinamización lectora e lingüística da infancia e achegarlles ás familias recursos encamiñados á socialización en galego dos nenos e nenas.
Nesta nova edición haberá teatro, música, humor e animación desde o venres 6 de novembro ata o mércores 30 de decembro. As actividades terán lugar en distintos espazos dos centros socioculturais do Concello e, no caso das de decembro, no Espazo Nadal, situado no alto da praza de abastos. Todos os espectáculos son de balde ata completar cabida.
A primeira cita, o venres 6 de novembro ás 18 h na Sala Celso Parada do Centro Sociocultural Daniel Castelo, en Quintela, servirá para celebrar o 10º aniversario da posta en marcha dos Rechouchíos. A finais de 2016, o ciclo arrincou coa compañía Teatro Ghazafelhos, que viñera a Moaña escenificar Contos de lobo. Para festexar a efeméride, o Concello contou coa mesma compañía, que nesta ocasión presenta Historias para escagarriñarse, unha proposta de teatro cómico recomendada para público familiar. Nela, tres cíngaros percorren o mundo co seu carromato contando vellas historias da cultura popular que removerán pesadelos nos incautos oíntes, como as de A cabra montesina, As lavandeiras ou a Santa Compaña. A participación do público será imprescindible, e as nenas e nenos que acudan terán ademais unha sorpresiña. A función está financiada polo Programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra.
O venres 20 de novembro, á mesma hora e no mesmo espazo, Os Náufragos Teatro levarán a escena Bulebule, unha obra recomendada a partir dos 4 anos. A protagonista, Candela, a quen chaman Bulebule, ten trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH). Encántalle o mar e soña con ser patroa dun barco que quere construír ela mesma, mentres comparte tempo co seu amigo Bruno, que vive nun faro e sente paixón pola música. A peza explora os camiños da igualdade ao destacar o esforzo das mulleres por derrubar as barreiras que lles impiden acceder a determinadas profesións. Tamén conta co financiamento do Programa +Escénicas.
O ciclo continuará o venres 27 de novembro, ás 18 h, no Centro Sociocultural Rosalía de Castro, en Domaio, con Mariñeiras, da compañía A Cova das Letras. Trátase dun espectáculo interactivo de 50 minutos, con música en directo e moito humor, no que Mariña, que soña con ser patroa, dedicará sete días consecutivos a superar probas para conseguir o seu propio temón. O público aprenderá cantigas mariñeiras, as partes dunha embarcación e xerga mariñeira, sempre en clave de humor, música e forza das mulleres.
Xa en decembro, o Espazo Nadal acollerá tres citas, todas ás 18 h. O venres 11, Mumáxica S.L. presentará Iseo, a Moura, un espectáculo de música e humor de 50 minutos para toda a familia. A protagonista, un ser tan máxico como trapalleiro, precisará a axuda do público para lidar con xigantes, nebueiras e outras criaturas incribles, nunha proposta que achega a mitoloxía galega á cativada con cancións de retrousos pegañentos, coreografías participativas e moita retranca.
O mércores 23, Barafunda Animación levará ao Espazo Nadal a Disco Móbil de Nadal, unha minidisco para nenas e nenos a partir dos 3 anos, e para as persoas maiores que os acompañen, que poderán bailar e xogar coa música máis actual. Un animador dinamizará a sesión con xogos e bailes divertidos para toda a rapazada.
O peche do ciclo chegará o mércores 30 de decembro con Son animal, de Paco Nogueiras, un concerto para maiores de 3 anos que enche de música e natureza o Espazo Nadal. O bruar dunha vaca, o miañar dun gato, o ladrar dun can, o cacarexar dunha galiña ou o zunido do mosquito convértense en cancións divertidas que levan o público nunha viaxe musical polo mundo, con pezas de raíz tradicional galega e portuguesa e ritmos que van do electrónico ao rock ou o rap.

