O Concello de Marín iniciará a tramitación para solicitar á Xunta de Galicia que a celebración acade esta distinción, despois dunha edición que superou as expectativas de participación e asistencia
O Concello de Marín fai un balance moi positivo da XV edición da Festa Corsaria, celebrada durante as xornadas do venres e sábado pasado, que se converteu na edición máis multitudinaria da historia da celebración e na que acadou o maior rexistro de asistencia desde a súa creación.
O éxito desta edición, que chega despois de quince anos de celebración ininterrompida, leva ao Concello a dar un novo paso na consolidación da Festa Corsaria como un dos grandes eventos do calendario festivo e turístico de Marín. Así, o Goberno local iniciará a tramitación para solicitar á Xunta de Galicia que a Festa Corsaria sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, coa intención de avanzar nesta candidatura e traballar para que a celebración poida contar con esta distinción xa nas vindeiras edicións.
“Estamos ante unha Festa Corsaria que xa transcende o ámbito local. Esta edición demostrou que é unha celebración plenamente consolidada, capaz de atraer a milleiros de persoas de Marín, da contorna e tamén doutros puntos de Galicia”, sinala o Concello. “Por iso entendemos que chegou o momento de dar este paso e iniciar o camiño para que a Xunta valore a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia”.
Máis de cen solicitudes de mesas
Un dos datos que mellor exemplifica a dimensión acadada pola celebración é o número de solicitudes recibidas para a instalación de mesas nas rúas. Foron máis dun cento as solicitudes presentadas por particulares e establecementos hostaleiros para organizar xantares e ceas durante a Festa Corsaria, contribuíndo a crear esa imaxe característica de Marín nun gran espazo de convivencia e celebración nas rúas.
A afluencia de público foi elevada durante todas as actividades da programación, con presenza de visitantes procedentes de Marín e da súa contorna, pero tamén doutras localidades e puntos de Galicia.
Música e programación cultural
O Concello destaca tamén a boa aceptación que tivo a incorporación nesta edición da programación cultural impulsada pola Xunta de Galicia a través dos concertos do Xacobeo, que permitiu integrar na Festa Corsaria o programa Orballo Cultural. Neste marco, os concertos de Mondra e Ortiga, celebrados o venres á noitiña, ofreceron un importante preámbulo musical á xornada principal do sábado e contribuíron a ampliar e enriquecer a programación da celebración.
A combinación de actividades culturais, propostas gastronómicas, animación, Mercado Corsario e programación musical permitiu manter durante varias xornadas un ambiente festivo constante, consolidando a Festa Corsaria como un evento capaz de dinamizar todo o municipio e de atraer visitantes.
Unha celebración sen incidentes reseñables
Outro dos aspectos destacados polo Concello é que a Festa Corsaria se desenvolveu con total normalidade e sen incidentes reseñables, a pesar da enorme afluencia de público e da instalación de numerosas mesas e asados en diferentes puntos do municipio.
O Concello quere agradecer expresamente o traballo realizado pola Policía Local e os distintos corpos de seguridade.
Un novo paso para a proxección turística de Marín
Co peche desta XV edición, o Concello considera que a Festa Corsaria se atopa nun momento de madurez que permite formular novos obxectivos. A solicitude para iniciar o expediente de declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia pretende recoñecer a evolución experimentada pola celebración e, ao mesmo tempo, reforzar a súa proxección máis alá de Marín.
A declaración permitiría dar maior visibilidade á Festa Corsaria dentro do calendario turístico galego, reforzar a súa capacidade de atracción de visitantes e contribuír á súa promoción a nivel autonómico e nacional, ademais de poñer en valor todos os elementos culturais, históricos, gastronómicos e de participación cidadá que caracterizan a celebración.
“Esta XV edición marcou un antes e un despois. Batemos todos os récords de participación e asistencia e demostramos que a Festa Corsaria está máis viva ca nunca. Agora queremos que este crecemento se traduza tamén nun recoñecemento que lle permita seguir medrando e proxectándose, non só como unha festa de referencia en Marín, senón como un evento turístico de interese para toda Galicia”, conclúe o Concello.

