O proxecto, cun investimento de preto de 40.000 euros, permitirá actuar sobre a cuberta, a estrutura e os elementos pétreos deste ben catalogado para garantir a súa conservación
O Concello de Marín xa ten o proxecto para poder licitar as obras de restauración do Palco da Música da Alameda Rosalía de Castro, un dos elementos patrimoniais máis emblemáticos do municipio. A actuación terá unha base de licitación de 39.924,71 euros, sen IVE.
A intervención ten como obxectivo garantir a conservación deste elemento singular catalogado, mellorando o seu estado de conservación e asegurando a súa protección para as vindeiras xeracións, despois de que se detectasen
deterioros debidos ao paso do tempo. O proxecto contempla a reparación integral da cuberta, incluíndo o seu desmontaxe, a eliminación dos óxidos existentes na estrutura metálica e a substitución dos elementos de madeira da subestrutura e do falso teito.
Ademais, realizarase a limpeza da pedra e a reparación das fisuras detectadas nos seus elementos construtivos.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, destacou a importancia desta actuación, para a que leva varios meses buscando financiación. “O Palco da Música é unha das nosas imaxes máis recoñecible da nosa Alameda, pero ademais tamén un espazo que usamos moito para actividades, así que estábamos desexando poder actuar na súa reforma, coa que garantir a súa conservación e a seguridade no seu uso”, sinalou. Agora, o seguinte paso será iniciar a licitación e solicitar a autorización pertinente a Patrimonio, tendo xa a correspondente da Consellería de Cultura para a execución das obras.
O Templo Vello, outro elemento patrimonial que vive unha segunda vida
Outra das grandes enseñas do patrimonio histórico de Marín é o Templo Vello. Nel, a Xunta de Galicia está a levar a cabo un importante traballo de restauración por fases. Xa se levaron a cabo actuacións para resolver problemas de humidades, coa restauración da fachada e a retirada de simboloxía franquista. Ademais, con fondos propios restaurouse a Torre do Reloxo, cunha inversión de 40.000 euros.
Agora, a Xunta anunciou unha terceira fase de restauración, centrada no interior do templo, dotada con 155.888 euros.

