Os Areeiros e Costas destacan entre as adegas da IXP Ribeiras do Morrazo, mentres que Elisa Ruibal e Roberto da Lufiña lideran os premios dos colleiteiros nunha edición marcada polo humor do pregón e un ambientazo continuo
A XIII Festa do Viño de Vilaboa pechou esta edición cun balance moi positivo, tanto pola elevada participación como pola calidade dos viños presentados á cata oficial. O recinto baixo o viaduto de Riomaior mantivo durante toda a xornada un ambiente vivo, alegre e constante, consolidando a cita como un dos encontros enogastronómicos máis recoñecidos da comarca.
A entrega de premios da cata foi un dos momentos centrais do día e deixou patente o bo nivel das adegas e colleiteiros do municipio. No apartado das adegas da IXP Ribeiras do Morrazo, Os Areeiros acadou a prata en branco e o ouro en tinto, mentres que Ardán obtivo a prata en tinto e Costas de Exportación levou o ouro en branco, confirmando a diversidade e personalidade dos viños elaborados no territorio.


Entre os viticultores, o xurado recoñeceu tamén o traballo das colleitas familiares, que cada ano gañan peso e prestixio dentro da festa. Nos tintos, o primeiro premio foi para Elisa Ruibal, seguida de Roberto da Lufiña e Martín Torres. Nos brancos, o primeiro posto recaeu en Roberto da Lufiña, o segundo en Antonio Juncal e o terceiro en Manuel Collazo Fernández, nunha edición especialmente competida pola calidade das mostras presentadas.
Durante a entrega, o alcalde de Vilaboa, César Poza, destacou “a calidade excepcional da produción vitivinícola do municipio, tanto nas adegas como nos viticultores, que cada ano demostran un compromiso admirable coa terra e co produto”. O rexedor subliñou que a Festa do Viño “é xa un escaparate consolidado da identidade local e un punto de encontro para quen valora o traballo das familias produtoras”.
César Poza, acompañado polas concelleiras Carmen Gallego, María Canosa e María del Carmen González, aproveitou para facer unha chamada de atención sobre o futuro do mar e do agro. Reivindicou das administracións unha maior implicación fronte ao cambio climático e ás consecuencias que xa está a ter no sector primario, un dos piares de identidade e economía de Vilaboa.
O pregón, a cargo de Sobria e Serena, meteu ao público no peto: o seu humor, moi pegado á realidade dun municipio rural como Vilaboa, arrincou máis dunha sorrisa e preparou o ambiente para unha xornada festiva e reivindicativa ao tempo e puxo a nota máis celebrada da mañá cunha intervención de humor exquisito moi aplaudida. A música de Mallou, dentro do programa +Música da Deputación, animou a sesión vermú e contribuíu a un ambientazo continuo, con asistentes de todas as idades e unha
participación que superou as expectativas da organización.
O Concello de Vilaboa fai un balance moi satisfactorio desta XIII edición, que confirma a Festa do Viño como unha cita imprescindible para a promoción do territorio, do produto local e da convivencia veciñal.

