Incendio forestal que tuvo lugar este mes de marzo en Herbello, Cangas.

Os populares revelan que o Concello deixou pasar o prazo do 31 de marzo para enviar o seu plan a Seaga, bloqueando a limpeza de 10 hectáreas e 12 km de vías municipais

O Partido Popular de Cangas denunciou hoxe a «reiterada incompetencia, falla de transparencia e cinismo» do goberno local na xestión da biomasa e a prevención de incendios. Tras as recentes declaracións do concelleiro de Medio Ambiente, Antón Iglesias, botándolle a culpa á Xunta pola lentitude de Seaga, os populares achegaron datos que demostran que o verdadeiro problema reside na parálise do propio departamento municipal.

Segundo confirmou o grupo maioritario da Corporación, o Concello de Cangas solicitou a súa adhesión ao convenio de xestión de biomasa, pero non enviou o plan de actuacións antes do prazo límite do pasado 31 de marzo. Esta deixadez administrativa ten bloqueada a limpeza de 10 hectáreas de execucións subsidiarias e 12 quilómetros de vías municipais que lle corresponden ao municipio de balde. «O concelleiro mente para tapar o seu desleixo; Seaga non pode actuar porque o Concello non fixo o seu traballo nin mandou o papel dicindo onde hai que limpar», sinalan desde o PP.

Para a formación este novo atraso non é un feito illado, senón parte dunha «xestión fantasma» e dunha fuxida das responsabilidades legais. A normativa exixe un procedemento rigoroso: dar 15 días aos propietarios para limpar e, en caso de titulares descoñecidos, publicar o requirimento no BOE e no DOG antes de actuar de forma subsidiaria. Con todo, o Concello de Cangas demostra unha nula capacidade para xestionar esta burocracia. Segundo datos da anterior campaña, o goberno local iniciou o proceso para notificar a 14.500 propietarios de fincas, pero só 500 avisos chegaron ao seu destino, unicamente os que se puideron facer por correo electrónico.

«O ano pasado foron incapaces de facer chegar o 97% das notificacións porque lles resulta moito traballo tramitar os expedientes e facer as publicacións oficiais. Hoxe preguntámonos: cantas notificacións cursaron neste 2026? Cantos veciños seguen sen saber que teñen que limpar por culpa da parálise
administrativa do BNG?», cuestionan os populares.

O PP critica a hipocrisía dun goberno que é incapaz de tramitar os avisos ou de limpar as súas propias parcelas, pero que se dedica a ameazar á veciñanza con expedientes sancionadores e multas coercitivas.
Ante os intentos do goberno local de presentar a xestión subsidiaria como unha carga imposta pola Xunta do PP, os populares son tallantes: «A Lei de Incendios de 2007 establece claramente que a xestión da biomasa nas faixas secundarias é obriga dos propietarios e, de xeito subsidiario, dos concellos.

Unha norma que foi redactada e aprobada polo goberno autonómico do bipartito de PSOE e BNG. Non poden vir agora a facerse as vítimas por unhas competencias e unhas obrigas que os seus propios partidos crearon».

O PP de Cangas esixe ao tripartito que asuma as súas competencias, certifique de inmediato que enviou o plan de actuacións a Seaga e informe ao Pleno sobre o estado real das notificacións aos propietarios neste 2026, evitando así que o monte volva chegar ao verán sen protección.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *