A formación critica que o goberno local xustifique a falta de limpeza nos nosos areais por supostos «motivos ecolóxicos», cando os seus propios compañeiros de partido nos concellos veciños si retiran os residuos sen problema
O Partido Popular de Cangas denunciou hoxe o estado de «abandono e deixadez» que presentan as praias do municipio ás portas dunha nova tempada turística e estival. Os populares puxeron o foco na «hipocrisía e dobre moral» do goberno tripartito, que mantén os areais cheos de residuos acumulados durante o inverno escudándose en supostos motivos «ambientais» para non introducir maquinaria de limpeza.
O PP de Cangas considera esta xustificación «unha auténtica tomadura de pelo aos veciños» e un insulto á intelixencia. «Acabamos de ver como o Concello de Moaña xa está a poñer a punto as súas praias á carta, limpando e retirando residuos. E fano gobernos do mesmo signo político. Mentres os alcaldes do BNG en Moaña ou en Bueu non teñen ningún problema en meter maquinaria para acondicionar os seus areais e dar un servizo digno, en Cangas o BNG dille aos veciños que iso é un atentado ecolóxico», sinalan desde as filas populares.
Para o grupo maioritario da Corporación, esta diferenza de criterio non responde a ningunha estratexia de conservación, senón a unha simple falta de xestión. «A escusa verde do noso goberno local só serve para tapar a súa inmensa falta de traballo. Xa denunciamos esta discriminación no ano 2024 e a historia repítese: usan o pretexto do coidado ambiental unicamente porque non son capaces de planificar os traballos, coordinar as brigadas nin xestionar os contratos de limpeza».
Ademais da acumulación de lixo e restos na propia area, o grupo municipal alertou de que a desfeita esténdese a toda a contorna dos areais. Os populares enumeraron múltiples deficiencias que levan meses sen arranxarse, como «a cartelería informativa danada ou completamente queimada polo sol, os valados de madeira e os accesos rotos que supoñen un perigo para os usuarios, e unha falta de limpeza e mantemento xeral nas contornas».
«As praias son un dos nosos principais escaparates turísticos e un espazo de lecer fundamental para a veciñanza, pero o goberno local trátanas como se fosen vertedoiros esquecidos. Chegou a Semana Santa e o goberno do BNG volve actuar con nula planificación e cero anticipación. Sempre van a remolque dos problemas», denuncian. Para o PP, o estado das praias é «outro exemplo máis da deficiente xestión do actual goberno tripartito», sumándose á longa lista deste mandato. «Un goberno que perde os millóns de euros dos fondos europeos, que non pide as axudas para reparar os danos dos temporais, que deixa a piscina na ruína e que mantén as praias sucias con escusas baratas, é un goberno que non merece estar á fronte de Cangas nin un minuto máis», conclúen.

