Reunión do xurado do Premio Liberación.

Os actos comezarán ás 19.00h coa ofrenda floral no Monolito de Augusto Miranda e seguirán ás 19.30h no Museo Torres, coa entrega do galardón a este colectivo social e cultural

O 4 de abril, Marín lembra e celebra a fazaña de Juan Gago de Mendoza e as Alarmas do Morrazo, que reconquistaron as nosas costas das tropas invasoras francesas. Asociado á esta celebración, creouse o Premio Liberación, que cada ano busca premiar a colectivos ou persoas da sociedade marinense que, a través das súas accións, obras ou compromisos, contribuíran significativamente á historia, cultura, ou benestar da veciñanza de Marín.

Este ano, o xurado decidiu unanimemente entregar o premio á Asociación Museo do Mar de Marín, unha entidade cultural e social que desde a súa creación vén desenvolvendo un intenso traballo orientado a preservar a historia marítima da vila, impulsando iniciativas que permiten rescatar testemuñas, documentos e obxectos vinculados ao mar.

Os actos, por coincidir o día en Sábado Santo, realizaranse o luns, 6 de abril, a partir das 19.00 horas. Comezarán coa tradicional ofrenda floral diante do monolito ubicado en Augusto Miranda e despois procederase ao acto de entrega do Premio no salón de actos do Museo Municipal Manuel Torres. Este arrancará ás 19.30h e estará conducido pola concelleira de Cultura, Marián Sanmartín, que irá dando paso ás persoas intervinte. Por unha banda, José Iglesias, presidente da Asociación de Veciños da Moreira, que contextualizará o fito histórico do 4 de abril. Por outra, o cronista Julio Santos, encargado da semblanza do colectivo premiado. Despois, os representantes do Museo do Mar farán o seu discurso e pechará o acto a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

Visitas guiadas de coles, exposicións, conferencias, homenaxes e o Festival de Cine do Mar

A actividade anual da asociación é intensa. Ao longo de todo o ano, realizan actividades e impulsan iniciativas de todo tipo coas que divulgar o patrimonio material e inmaterial unido ao mar, elemento que configura a identidade da nosa vila.

Ademais de recuperar pezas marítimas de gran relevancia e custodiar as que xa teñen no Museo, ubicado na Rúa Concepción Arenal, 2, a Asociación organiza anualmente unha homenaxe ás mulleres e homes do mar na antiga dársena de chalanas do Porto e están inmersos na organización do III Festival Cine do Mar, unha aposta polo audiovisual co mar como telón de fondo, que ademais de chegar tamén ao público escolar, combina actividades paralelas como un showcooking conn produtos do mar ou a Xuntanza Mariñeira, con exhibición de embarcacións tradicionais, ou a visita a puntos de interese como a Illa de Ons, a de Tambo ou San Simón.

Por todo iso, o xurado considera que está “sobradamente xustificado que unha asociación tan activa como a do Museo do Mar sexa recoñecida a través dun premio que precisamente busca por en valor a aqueles que realizan un traballo esencial a nivel cultural, educativo, científico e investigador, incrementando o patrimonio cultural do municipio”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *