Campaña Marín en Rede Día da Nai.

A campaña activouse onte e ata o 30 de abril que premia compras de máis de 30 euros no comercio local cunha planta de agasallo, a recoller o 2 de maio na Praza de Abastos ata fin de existencias

O Concello de Marín pon en marcha desde onte unha nova campaña de dinamización comercial co gallo do Día da Nai, que se celebrará o vindeiro 3 de maio. A iniciativa ten como principal obxectivo incentivar as compras no comercio local durante todo o mes de abril e premiar a fidelidade da veciñanza.

A campaña establece que todas aquelas persoas que realicen un gasto igual ou superior a 30 euros en establecementos comerciais de Marín, entre o 1 e o 30 de abril, poderán beneficiarse dun agasallo especial, unha planta de tempada. Os importes poderán acumularse nun ou varios tickets, sexan do mesmo ou de distintos comercios, e en diferentes datas dentro do período indicado.

As persoas que participen poderán recoller a plantiña o sábado 2 de maio no stand de Marín en Rede da Praza de Abastos de Marín, en horario de 09.00 a 13.00 horas ou ata esgotar existencias. Este detalle está pensado para que poidan agasallar ás súas nais ao día seguinte, coincidindo coa celebración desta data
tan sinalada.

Para poder retirar a planta, será necesario presentar o ticket orixinal de compra, que será selado polo Concello e devolto á persoa beneficiaria no momento.

Consumo de proximidade e inclusión social

Ademais de fomentar o consumo no comercio de proximidade, a campaña incorpora un compoñente social, xa que as plantas foron adquiridas ao novo Garden do proxecto O Botánico do Lago, impulsado pola Fundación Juan XXIII no Lago de Castiñeiras. Deste xeito, tamén se contribúe á inclusión social e laboral de persoas en situación de vulnerabilidade psicosocial.

As bases completas da campaña estarán dispoñibles na web municipal e daráselles difusión a través das canles oficiais do Concello e dos medios de comunicación.

Con esta iniciativa, o Concello de Marín reafirma o seu compromiso co tecido comercial local, promovendo accións que contribúan á súa dinamización e á concienciación da cidadanía sobre a importancia de apoiar o comercio de proximidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *