Posta a punto das praias para Semana Santa.

Desbroces, limpeza, aparcadoiros públicos, actuacións na area… Eses son algúns dos traballos que se están a realizar estes días nos areais. Está pendente a instalación dunha nova pasarela no Santo

A Semana Santa é un momento de descanso e dunhas vacacións propicias para gozar do bo tempo asociado á primavera. E aínda que o nordés estea marcando estes días a temperatura, o tempo seco e solleiro anima a todas as persoas a acudir ata o litoral e visitar as praias.

Nestes días, estanse levando a cabo tarefas de limpeza, mellora e mantemento dos areais. Hoxe, a Fundación Juan XXI está traballando en habilitar a parcela que se utiliza como estacionamento público na zona de Aguete, que estará lista para estes días. O resto das que se poñen a disposición ao longo de todo o vial estarán habilitadas para o verán.

Por outro lado, actuouse en todos os accesos, tanto na súa limpeza como en cuestións de accesibilidade. En Mogor, volveuse encher de area a zona na que se crea un gran socavón baixo as escaleiras debido ao embate dos temporais do inverno. E a partir da volta de Semana Santa empezará a executarse a obra de mellora da accesibilidade, coa creación dunha nova rampa que este areal poida ser utilizar por persoas con mobilidade reducida.

No caso dos accesos, o que queda pendente é o da Praia do Santo, onde se está a facer a tramitación pertinente para poder volver instalar un elemento de baixada á praia, despois de que os fortes temporais deste inverno estropearan totalmente a rampa.

O patrimonio, plan estrela para a Semana Santa, e información turística na Praza de España

Por outro lado, o Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor estará aberto durante toda a Semana Santa, puidendo ser unha oportunidade única para coñecer toda a riqueza patrimonial que ten esta parroquia costeira. Está aberto de 11.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas e haberá visitas guiadas ás 12.30 e ás 19.00 horas, aberto ata o próximo domingo.

Ademais, a Oficina de Turismo da Praza de España estará aberta ata o próximo domingo, en horario de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas.

Máis inversión de cara á tempada estival

A maiores, o Concello segue o camiño burocrático para asegurar a contratación de dous servizos esenciais nas praias para o verán: o balizamento e a súa limpeza integral. Para iso, hai abertas dúas licitacións que rematan hoxe o prazo de presentación de ofertas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *