Os populares alertan de que o Concello ignorou o requirimento enviado en marzo de 2022 e incumpriu a Lei 9/2019, ocultando o estado real das fugas e avarías na rede de abastecemento
O Partido Popular de Cangas denunciou hoxe un novo caso de «neglixencia grave e opacidade»
por parte do Goberno local do BNG e os seus socios. Os populares confirmaron que o Concello non realizou a obrigatoria auditoría da rede de abastecemento de auga, incumprindo de forma flagrante a Lei 9/2019 e desatendendo os requirimentos oficiais enviados pola Xunta de Galicia en marzo de 2022 para que se puxeran ao día.
Nun contexto de enorme preocupación polas secas e no que as noticias advirten de que se chega a perder ata un 42% da auga potables por fugas, avarías ou fraudes nas redes municipais, Cangas atópase «completamente a cegas». Desde as filas populares advirten: «Non hai nin rastro desta auditoría na web do Concello, nin na Plataforma de Contratación do Estado. Non a fixeron nin a licitaron. Estannos a ocultar a realidade do noso abastecemento mentres a auga, un recurso vital, pérdese por unhas tubaxes das que descoñecemos o seu estado real».
O PP de Cangas puxo o foco en que este incumprimento legal vén acompañado, para non perder o costume, doutra perda de financiamento. O goberno local tiña á súa disposición as axudas de Augas de Galicia destinadas a financiar estas auditorías en concellos de menos de 50.000 habitantes. Sendo Cangas un municipio de 27.000 habitantes, cumpría todos os requisitos para ser beneficiario e realizar este estudo vital a custo cero ou moi reducido.
«Con todo, e como xa é marca da casa neste goberno, nin sequera a pediron. É un suma e segue na súa desidia», lamentan desde o Partido Popular. «Non só son incapaces de xestionar as infraestruturas, senón que cando se lles ofrecen os cartos para avaliar os problemas e buscar solucións, prefiren mirar cara a outro lado e non facer os papeis. A preguiza deste goberno sae carísima».
Os populares lembran que este novo «despropósito» coa rede de abastecemento engádese á perda recente dun millón de euros de fondos para mellorar o saneamento, o que demostra que «o ciclo da auga e a saúde pública lles importan ben pouco».
Desde o grupo maioritario da Corporación esixen ao tripartito que explique publicamente por que se incumpriu a lei, por que se ignoraron os avisos de 2022 e por que se deixou perder a axuda de Augas de Galicia para facer a auditoría. «Non poden seguir gobernando de costas á realidade mentres o municipio se cae a anacos», conclúen.
