O Concello de Marín participou esta mañá nunha iniciativa de carácter sostible, educativo e comunitario no monte da Teoira, en Ardán, na que o alumnado do CEIP de Ardán e a reforestación foron as protagonistas.
A actividade foi promovida pola Comunidade de Montes de Ardán, en colaboración coa Asociación de Veciños Monte Castelo, coa achega de exemplares por parte de Medio Rural da Xunta de Galicia e co apoio do Concello de Marín e de Refrescos do Atlántico.
En total, plantáronse 50 castiñeiros nunha acción que busca contribuír á recuperación do ecosistema forestal, fomentar a biodiversidade e concienciar ás novas xeracións sobre a importancia do coidado do medio natural. Esta actuación súmase a outras xa realizadas na zona por parte dos comuneiros, como a plantación de 100 árbores na franxa de acceso a Pastoriza.
A xornada tivo tamén un importante compoñente educativo, coa participación de axentes forestais e dunha brigada de incendios, que desprazaron unha motobomba para ofrecer explicacións prácticas ao alumnado sobre prevención e loita contra os incendios forestais, así como sobre a xestión sostible do monte.

