Chega a VIII edición da campaña 21 Días en Galego na que o Concello de Moaña involucra a todos os centros educativos da localidade. A infancia, a rapazada e a mocidade propuxéronse usar a nosa lingua do 3 ata o 23 de marzo como un reto para adquirir un novo hábito e mergullárense de cheo no uso da nosa lingua.
Esta VIII edición arranca co bando da Alcaldía para involucrar e animar neste proceso a toda a cidadanía moañesa, en xeral, e a comunidade educativa, en particular, desde o alumnado ao profesorado, persoal administrativo, do comedor e das actividades extraescolares. Do 3 ao 23 de marzo nos centros de educación moañeses teñen o reto de usar o galego en exclusiva as 24 horas e para iso, desde o Concello faranlle chegar, ademais da cartelaría e as chapas, xogos didácticos e educativos.
PULSERAS
A novidade nesta edición é que o Concello de Moaña repartirá entre as persoas participantes unhas pulseiras de tea deseñadas con catro cores diferentes de fondo e catro expresións propias e identificativas de Morrazo: Fasemos Ghasolina?, Faser a ghodalla nunca falla!, Non me deu a virada! e Estou aquí sacando un changhüí.
