Os populares presentan unha moción, que se debaterá no pleno do 2 de marzo, na que reclaman ás tres administracións titulares das vías do concello que fagan unha inspección das deficiencias e danos e executen a renovación do firme e outras melloras nestas infraestruturas
O grupo municipal do PP de Bueu presenta unha moción, que se debatirá no pleno do próximo 2 de marzo, na que solicita ao Concello, a Deputación e a Xunta que elaboren e executen un plan urxente de reparación integral de todas as estradas do municipio, cada un nas da súa titularidade, posto que é necesario corrixir o seu actual mal estado, que se veu moi agravado polos temporais deste inverno.
Os populares detallan na súa proposta plenaria que o deterioro das vías municipais, provinciais e autonómicas é “evidente e preocupante”, xa que todas presentan deficiencias que afectan á seguridade e mobilidade viaria e engadiron que estes desperfectos incrementáronse polas fortes choivas dos últimos meses.
En concreto, explicaron que a adversa meteoroloxía, con 16 borrascas de forte impacto desde o pasado outono e 11 só no que vai do presente ano 2026, provocou que as distintas estradas que vertebran o concello buenense teñan baches de grandes dimensión, arrastre de terra e sedimentos, un evidente deterioro da sinalización horizontal e vertical, colmatación nas cunetas e nos sistemas de drenaxe, un incremento do risco de desprendementos nos taludes e de caídas de árbores e o encharcamento e filtracións de auga que afectan e debilitan as plataformas, estruturas e firmes destas estradas.
Ante esta situación, a voceira municipal, Elena Estévez, considera que é o momento de actuar con celeridade para corrixir esta situación dado que, en principio, xa pasou o groso das borrascas recuperouse certa ‘normalidade estacional’. “Cun ánimo totalmente construtivo a prol das necesidades dos veciños de Bueu, cremos que é o momento de pedirlles ás tres institución públicas con estradas no noso concello que actúen con planificación, prevención e responsabilidade, e ademais que o fagan coa maior urxencia posible para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade, moi deteriorada polo actual estado dos nosos eixos de comunicación”, aseverou a edil do PP.
A moción do PP reclama que o Concello, a Deputación e a Xunta acometan de inmediato unha inspección integral, unha diagnose e unha valoración dos danos que presentan as súas respectivas estradas e procedan á elaboración e execución urxente dun plan de mellora que inclúa o reasfaltado, as reparacións necesarias de todos os elementos das vías e a correspondente labor de mantemento nas cunetas e taludes.

