O Concello de Bueu organizou este venres pola tarde o desfile infantil do Enterriño da Sardiña, no que participaron cinco grupos, principalmente de asociacións de nais e pais da vila. Así, durante a tarde de hoxe puideron verse a Anpa A Pedra, a Anpa Alborada do Virxe Milagrosa, a Anpa Torre Cela, a Anpa Cabo Udra de Beluso, e a Escola Infantil Tranvía.
O desfile arrancou dende a rúa Montero Ríos ás cinco da tarde, e percorreu as rúas Montero Ríos, Francisco Escáneo, Pazos Fontenla, Johan Carballeira, con remate na carpa de As Lagoas, na que tivo lugar a entrega de diplomas aos participantes e a desfeita da sardiña, que este ano foi elaborada novamente con globos por parte de Barafunda. Carmen García, concelleira de cultura, agradeceu a todos os grupos, pais nais e familias a súa implicación para manter viva “a ilusión dos máis pequenos e pequenas neste día”.
O seguinte desfile será o do Paxaro de Mal Agoiro, que se celebrará este domingo tamén ás 17 horas con saída dende a rúa Montero Ríos, percorrendo as rúas do centro e coa queima do paxaro na praia da Banda do Río.

