Alumnado dos IES A Paralaia e As Barxas converten o debate nunha mesa redonda na que coincidiron en rexeitar os avances de políticas pouco respectuosas cos Dereitos Humanos
Alumnado dos IES A Paralaia e As Barxas amosou o seu rexeitamento ás posturas de ultradereita alegando que o auxe dos novos fascismos pode pór en risco os dereitos que tanto esforzo custou conseguir ás xeracións anteriores. Foi no marco dunha actividade proposta desde o departamento de Memoria Histórica do Concello de Moaña aos centros no inicio do curso. Tratábase, explican desde o goberno, de coñecer a postura da rapazada ante as continuas informacións que indican que nesa franxa de idade hai un aumento da atracción por posturas reaccionarias e mesmo un devezo polo franquismo. Orixinalmente propúxose que os institutos creasen dous grupos de rapazada, un con quen quixese defender o auxe da ultradereita e outro con quen amosase a postura contraria, pero desde os centros decidiron derivar a actividade á materia de Oratoria para que o alumnado preparase ambas posturas e defendesen a que lles tocase por sorteo no mesmo día da actividade.
Así, creáronse dous grupos mixtos de cuarto da ESO dirixidos por Álvaro Cabanas, no caso do IES A Paralaia, e Yago Rodríguez no do IES As Barxas. Pero, contra o que parecen marcar os inquéritos, a sorpresa chegou cando dúas semanas antes do debate, o alumnado de Cabanas rebelouse contra a proposta, negándose a defender os postulados da ultradereita. Alegaban que, consultado o programa electoral da formación estatal que defende esta ideoloxía, atopaban contradicións “indefendíbles” e que máis alá delas, o que propuñan ía en contra das súas ideas. Desde a organización consultouse entón con As Barxas por se o seu equipo se animaba a defender os postulados da ultradereita na actividade pero a resposta foi a mesma: se o obxectivo da actividade era escoitar a rapazada, o que pensaban era totalmente contrario a ditos postulados. Foi por iso que a proposta inicial mudou e o debate mantivo os tempos e a estrutura pero cos equipos expoñendo as distintas razóns polas que entendían que o auxe da ultradereita non incrementaría o benestar da sociedade.
Esa (Incrementaría o benestar da sociedade un goberno de ultradereita?) era a pregunta do debate que, baixo o título Queremos escoitarvos, propuxo o goberno de Moaña. Por un lado, explica a edil responsable, María Ortega, para coñecer de primeira man cal era a postura da rapazada de Moaña, máis alá das enquisas e, por outro, para fomentar o seu pensamento crítico : “Independentemente do que pasase no salón de plenos queriamos que debatesen na clase, que buscasen información e fosen quen de formarse unha opinión fundamentada, máis alá do que escoitan nas redes”, dixo.
Os argumentos da rapazada
Esa foi unha das conclusións dada por un dos alumnos das Barxas no acto. Defendeu que, de informarse do que realmente quere a ultradereita, “en lugar de facer caso ao que se escoita nas redes”, non habería tanta rapazada defendendo os seus postulados. Ambos centros coincidiron en criticar as políticas en materia migratoria, que o Paralaia definiu como “xenófoba e contraria aos Dereitos Humanos”, e tamén coincidiron ao alertar do que suporía para o ensino ou a sanidade o desmantelamento do Estado de Benestar. “Os dereitos non son conquistas permanentes. Imos renunciar o que tanto custou conseguir?” se preguntaba o equipo preparado por Cabanas nos seus tres minutos de conclusións.
O ocorrido no valado de Melilla no 2022, as promesas de derrogación da Lei de Memoria Histórica, a recentralización ou o proteccionismo económico foron algúns dos temas dos que o alumnado se informou para extraer as súas conclusións e expoñelas no acto celebrado este mércores en Moaña. Tras aproximadamente media hora de exposicións, a actividade concluíu cunha merenda compartida polos dous equipos, formados por catro rapaces e catro rapazas de entre 15 e 17 anos, e o público asistente. Nela, algunha das participantes confesou que non descartaba dedicarse á política dado o bo papel realizado no escenario dos debates municipais.

