Os populares acusan á presidenta da Mancomunidade de actuar de xeito premeditado “para acalar as discrepancias e a forte contestación social” contra a suba da taxa do lixo, xa que fixo seis advertencias a 3 edís do PP en dous minutos antes de expulsar a Estela Santomé
Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo calificaron de “fascista e ditadora” á alcaldesa de Moaña e presidenta da Mancomunidade, Leticia Santos, por ordear a expulsión –que finalmente se fixo pola forza– da asamblea xeral da agrupación comarcal da concelleira Estela Santomé no debate sobre a suba da taxa do lixo e esixe a súa dimisión inmediata de todos os seus cargos públicos “porque unha persoa que incurre neste abuso de poder para non escoitar a quen pensa diferente está completamente fóra da democracia”.
Os populares dos tres concellos acusan a rexedora moañesa de actuar de xeito premeditado “para acalar as discrepancias e a forte contestación social” contra o taxazo do lixo que quere impoñer o BNG, xa que lembraron que fixo seis advertencias a 3 representantes do PP en pouco máis de dous minutos ata que ordenou a expulsión de Santomé do pleno recurrindo a un nutrido axentes da Policía Local.
“Non nós quería deixar falar a nós, nin tampouco aos veciños, convertendo o consistorio nun búnker cheo de valados para amedrentalos. Leticia Santos e o BNG son un partido que non soporta a discrepancia, crense que teñen a verdade única e levan moi mal que a inmensa maioría do Morrazo estea contra este atraco a man armada e por iso romperon a democracia e recurriron á forza e á violencia
para silenciarnos, pero que saiban que estou moi orgullosa de defender aos veciños desta gran bisbarra e o vou seguir facendo aínda que ao Bloque non lle guste”, manifestou Estela Santomé, que reiterou que Leticia Santos “demostrouno onte a súa verdadeira cara de autoritaria, sectaria e violenta”.
Pola súa banda, as tres agrupacións do PP no Morrazo, coas tamén voceiras Dolores Hermelo e Elena Estévez, amosaron a súa solidariedade con Santomé e lembraron que nunca se deu unha situación así cun representante público na comarca, algo que achacaron ao “medo e nerviosismo” do BNG por unha situación que se lles escapou das mans e da que intentan saír “tentando silenciar á sociedade e ao Partido Popular recurrindo ao que faga falta e saltándose as regras máis básicas da democracia, que é algo no que non cren”.
“Estamos ante o episodio máis vergoñento da historia do BNG no Morrazo e iso que teñen un historial que mete medo, pero hoxe, con Leticia Santos á cabeza, cruzaron todas as liñas vermellas. Dixo a alcaldesa que non ía consentir incidentes como os de outubro en Cangas e efectivamente non foron como aqueles, foron moito peores, porque ningún concelleiro do Bloque sufríu daquela un trato como o que Leticia Santos ordeou sobre Estela Santomé. Ao BNG a violencia que lle gusta é a que poden exercer eles a quen discrepa dos seus postulados”, significaron.
Finalmente, as tres voceiras do PP na comarca –Alfonso Piñeiro non estivo presente por cuestións persoais de importancia– advertíronlle ao BNG que “aínda que non lle guste escoitar a todos os que non pensan como eles, que son a maioría, vainos atopar de fronte na defensa dos veciños do Morrazo” e anunciaron que as van loitar a nivel comarcal e municipal con todas as ferramentas administrativas, políticas e doutra índole durante os próximos once meses, ata que entre en vigor a ordenanza, para tratar de tumbar “este brutal atraco a man armada que supón unha auténtica coitelada nas economías domésticas e dos negocios, comercios, empresas e locais de hostalería” da comarca.

