A alcaldesa, María Ramallo, cre que é positivo traballar conxuntamente entre Administracións para evitar demoras na reapertura do vial nas horas punta, xa que é fundamental para a mobilidade no municipio e para o tráfico portuario
As condicións climatolóxicas que están azoutando á nosa provincia nos últimos días e os seus efectos no mar obrigaron hoxe, por terceiro día consecutivo, a pechar a Autovía de Marín, a PO-11 durante varias horas, coincidindo cos momentos de maior afluencia.
Estes cortes obrigan ao desvío do tráfico, que en moitos casos é dirixido pola variante VG 4.4, xerando importantes retencións na zona de Jaime Janer, no acceso ao centro urbano, ou na zona de Concepción Arenal e o barrio pontevedrés de Placeres, colapsando a entrada á cidade veciña de Pontevedra pola antiga estrada.
Estas retencións e dificultades afectan, ademais, de forma moi importante ao tráfico portuario, podendo afectar á distribución de mercadorías e mermando a súa competitividade.
Ante esta situación, a alcaldesa, María Ramallo, mostra a súa preocupación, “xa que moito nos tememos que estes temporais poidan repetirse no tempo e, se coinciden con pleamar, vernos afectados desta forma” e prega mellorar a coordinación á hora de tomar decisións. “Por suposto que é necesario restrinxir o tráfico cando a marea sube e inunda os carrís, pero nestes días temos a constancia de que xa coa baixamar aínda se mantiña pechada e en horas puntas é unha problemática”, declarou a rexedora,
que considera razonable “convocar unha reunión de traballo e coordinación na que poidamos estar os concellos afectados, a Autoridade Portuaria e os titulares tanto da Autovía como da estrada vella, neste caso o Ministerio e a Xunta de Galicia, para trazar actuacións conxuntas que permitan ser áxiles á hora de reabrir, mellorar a sinalización e, en xeral, valorar como minorar ao máximo o impacto deste peche”.
Así, a alcaldesa mandará formalmente esta proposta de reunión ás Administracións implicadas e agradece o traballo do persoal de Emerxencias e de Tráfico nunhas semanas que están a ser especialmente difíciles. “Ademais, recalcamos a necesidade de ter precaución por parte da veciñanza”.

