A autora e o rexidor coa rapazada nunha foto de familia.

Belén Arosa, autora de Postemirón, compartiu coa comunidade educativa un emotivo acto no que o alumnado protagonizou lecturas do poemario

O colexio de Riomaior acolleu unha xornada cargada de emoción e poesía coa presentación do libro “Sueños de Juventud”, da escritora local Belén Arosa Herrero. Nun acto que mesturou literatura e pedagoxía, os escolares converteronse en auténticos protagonistas ao dar lectura tanto aos poemas da autora de Postemirón como a creacións propias que evidenciaron a súa capacidade creativa.

Belén coa súa filla.

A directora do centro, Carmen Negro, foi a encargada de presentar e conducir o acto, no que comezou agradecendo a Belén Arosa a elección do colexio –onde xa estudaron dous dos seus tres fillos– para acoller a presentación desta recopilación poética. Negro explicou que a dirección do centro está a utilizar esta obra como ferramenta educativa para animar á rapazada a empregar a poesía como vía de expresión das súas emocións.

Precisamente, a necesidade de expresar sentimentos foi unha das motivacións que a autora recoñeceu atopar na poesía. “É un xeito de sacar todas as emocións e sentimentos que levo dentro, tanto nos bos como nos malos momentos. Cada poema convértese nun volcado emocional”, sinalou Belén Arosa durante a súa intervención.

Mediante un formato dinámico no que o alumnado prantexou unha batería de preguntas á autora, os asistentes adentráronse un pouco máis na profundidade dunha obra que recolle poemas escritos en diferentes etapas da vida da autora e que encontrou inspiración no seu rico mundo interior pero tamén en autores como Rosalía de Castro, sobre todo nas súas loubanzas á terra.

Intervención dunha alumna.

A escritora estivo arroupada polo alcalde de Vilaboa, César Poza; polas concelleiras Carmen Gallego e María Canosa; pola directora do CRA de Vilaboa, Conchita González, e por toda a súa familia, que lle amosou o seu respaldo neste momento especial.

Carmen Gallego aproveitou a súa felicitación á autora para poñer de relevo “a mportancia de que as mulleres de zonas rurais escriban e cumpran os seus soños” e animou “a todas as nenas que teñen vocación a que se atrevan a escribir”.

Pola súa banda, o alcalde César Poza, que tamén deu lectura a un poema, felicitou a Belén Arosa e animouna a seguir neste proceso creativo que a converte en “fonte de inspiración” para a veciñanza. Ademais, dirixiuse ao alumnado presente: “Anímovos a escribir porque tamén vos pode axudar a manifestar as cousas que sentides e axudarvos a medrar e ser mellores persoas”.

O acto supuxo unha xornada de encontro entre a literatura e a educación, demostrando como a poesía pode ser unha ferramenta de crecemento persoal e expresión emocional para todas as idades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *