“O mar forma parte da identidade, da economía e da via de Moaña e as administracións teñen a obriga de escoitar ao sector e adaptar as normas á realidade, non ao revés”, esixen desde o PP moañés
O grupo municipal do PP de Moaña presentará no pleno ordinario do presente mes de xaneiro unha moción de apoio ás reclamacións do sector marítimo-pesqueiro, e en especial da pesca costeira artesanal, ante a aplicación do novo Regulamento Europeo de Control da Pesca.
Desde o PP de Moaña advirten de que a normativa, tal e como está formulada, non ten en conta a realidade do noso litoral nin as especificidades da frota artesanal multiespecífica, xerando unha carga administrativa excesiva e difícil de asumir para moitos profesionais do mar.
A iniciativa recolle, entre outros acordos, a necesidade de aplicar a flexibilidade prevista no propio regulamento europeo, e excluir do prazo de preaviso de chegada á porto aos buques que operan habitualmente en zonas próximas á costa.
Así mesmo, a moción defende o establecemento dun réxime simplificado de rexistro de capturas para a frota artesanal multiespecífica, que permita excluír da consignación individualizada aquelas especies con capturas inferiores a un limiar mínimo por marea, mantendo en todo momento o control das especies principais.
O texto tamén insta a definir criterios obxectivos e transparentes para a aplicación destas medidas de flexibilidade, atendendo ao tipo de frota, a proximidade ao porto, a duración da marea ou o carácter multiespecífico da actividade.
Ademais, o PP de Moaña reclama que, no ámbito da Unión Europea, se impulse unha interpretación harmonizada ou unha adaptación normativa que evite cargas administrativas desproporcionadas e favoreza a sustentabilidade social e económica do sector.
Por último, a moción solicita a realización dunha análise detallada da situación real do sector respecto ao grao de implantación dos sistemas electrónicos esixidos polo regulamento, identificando aqueles segmentos da frota, especialmente a pesca costeira artesanal, que non están en condicións de cumprir coas novas obrigas.
O mar forma parte da identidade, da economía e da vida de Moaña, e as administracións teñen a obriga de escoitar ao sector e adaptar as normas á realidade, non ao revés”, sinalan desde o Grupo Popular de Moaña.

