Plano de actuación en Barciela.

O goberno local busca financiamento no Plan +Provincia para tres intervencións que reforzan o patrimonio, o litoral e a mobilidade en puntos clave do municipio

O Concello de Vilaboa vén de presentar ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra a primeira fase de dous proxectos de grande relevancia para o municipio, xunto coa segunda fase da humanización do barrio de Barciela que precisa dun investimento de 77.000 euros. Con esta proposta, o goberno local continúa anzando na mellora dos espazos públicos, na recuperación do patrimonio e na creación de contornas máis accesibles e sostibles para a veciñanza.

As actuacións previstas en Barciela teñen como finalidade reforzar a seguridade viaria da zona dentro do proxecto de humanización deste entorno. Para iso, ampliarase a sección da calzada sempre que sexa posible, aproveitando os sobreanchos existentes, e renovarase o firme mediante a aplicación dunha nova capa de aglomerado en quente de 5 centímetros no vial principal, así como dun pavimento de formigón no vial secundario. Tamén se optimizará a recollida de augas pluviais coa instalación de reixas de drenaxe transversal e medios canos para o drenaxe lonxitudinal. Finalmente, completarase a intervención coa execución da sinalización horizontal e vertical en todo o ámbito da obra e coa instalación de redutores de velocidade tipo “lomo de asno”, reforzando así a seguridade para vehículos e peóns.

Un dos proxectos máis destacados é o acondicionamento do borde litoral das Salinas de Ulló e Paredes, que nas súas tres fases suma un orzamento global de 439.621 euros. A intervención concíbese como unha transformación integral do camiño litoral, que pasará a ser un espazo de clara prioridade peonil e plenamente integrado na súa contorna natural. Para iso prevese a retirada do bordillo actual, que se recolocará na marxe esquerda para ordenar a calzada, así como a eliminación do pavimento de aglomerado, que será substituído por unha plataforma única de adoquíns de granito máis accesible e respectuosa coa paisaxe. A actuación inclúe tamén a renovación completa da varanda existente, que será substituída por un modelo de aceiro galvanizado con barrotes verticais, deseñado para resistir a salinidade e cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade e seguridade.

No Paseo do Muíño de Mareas de Ulló, o proxecto contempla igualmente a substitución da varanda deteriorada por un novo elemento de aceiro galvanizado, garantindo unha maior durabilidade e unha mellor integración estética nun dos espazos máis visitados do municipio. Pola súa banda, na Pista da Cerca prevese unha mellora diferenciada segundo o uso de cada tramo. No primeiro, renovarase a superficie mediante xabre estabilizado. No segundo tramo, onde o tráfico é máis intenso debido ao acceso a vivendas e ao embarcadoiro, substituirase o aglomerado por un pavimento de formigón con acabado desactivado en cor ocre, máis acorde coa paisaxe litoral.

O proxecto estrutúrase en tres fases independentes, cada unha delas considerada unha obra completa segundo a Lei 9/2017 de contratos do sector público. A primeira fase, para a que solicitou financiación a través do Plan +Provincia, abrangue a metade inicial da intervención no camiño das Salinas de Ulló. Xunto a este proxecto, o Concello tamén presenta ao Plan +Provincia a primeira fase da humanización do núcleo tradicional do Alcouce, unha intervención na que o goberno local traballa desde 2024 e que supón un investimento global que supera os 457.909 euros. Trátase dunha actuación orientada á recuperación dun espazo de alto valor patrimonial, coa mellora da mobilidade peonil, da calidade urbana e da identidade histórica dun dos núcleos máis singulares de Vilaboa.

Co conxunto destas propostas, Vilaboa reafirma o seu compromiso coa mellora continua dos espazos públicos, a posta en valor do patrimonio natural e cultural e a creación de contornas máis accesibles, seguras e sostibles para toda a cidadanía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *