O Concello sacará a licitación un proxecto estratéxico do PSTD (Plan de Sostibilidade Turística) que reforza o Lago Castiñeiras como espazo clave de turismo activo e calidade ambiental
O Concello de Marín sacará en breve a licitación un ambicioso proxecto para a creación e mellora de infraestruturas ciclistas, sinalización de rutas e promoción do cicloturismo, unha iniciativa que consolida o municipio como un destino que une turismo, deporte e natureza desde unha visión sostible, saudable e activa durante todo o ano.
Esta actuación enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Marín, financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos europeos NextGenerationEU, e responde á estratexia municipal de avanzar cara a un modelo turístico máis equilibrado, respectuoso co medio e xerador de oportunidades fóra da tempada alta.
Tal e como sinala a alcaldesa de Marín, María Ramallo, “este proxecto é unha mostra clara de cara onde queremos que avance Marín como destino e sobre todo pon en valor unha actividade que xa se realiza moito no noso municipio, como é o ciclismo, achegándoo a todo o mundo: tanto aos profesionais desta práctica deportiva como ás familias e ás persoas que se queiran iniciar”.
O proxecto estrutúrase en dous lotes. O primeiro céntrase na implantación de infraestruturas ciclistas de calidade, coa instalación de estacións de reparación, axuste e inflado de bicicletas en puntos estratéxicos do municipio, así como nunha completa rede de sinalización e balizamento das rutas de cicloturismo, con paneis interpretativos, balizas de madeira e sinalética integrada na paisaxe.
Todo o deseño responde a criterios de seguridade, accesibilidade, durabilidade e integración ambiental, incorporando tamén ferramentas dixitais como códigos QR para mellorar a experiencia das persoas usuarias.
O segundo lote contempla un plan integral de promoción do cicloturismo, que inclúe a produción de material audiovisual e fotográfico profesional, vídeos adaptados a distintos formatos dixitais e materiais divulgativos das rutas. Este traballo permitirá reforzar o posicionamento de Marín como destino de referencia en turismo activo, tanto para ciclistas máis experimentados como para familias e público infantil, contribuíndo á desestacionalización e a un impacto económico máis sostido ao longo do ano.
“Non falamos só de crear rutas, senón de construír un produto turístico completo, ben sinalizado, ben comunicado e pensado para atraer visitantes que buscan experiencias activas e respectuosas co territorio”, subliña Ramallo, que destaca tamén “o valor deste proxecto para mellorar a calidade de vida da veciñanza e fomentar hábitos saudables”.
A actuación desenvolverase arredor de tres itinerarios principais: a Ruta BTT Marín, a Ruta Familiar polo Vial de Praias e unha Ruta Kids no entorno do Lago Castiñeiras, reforzando este espazo como un dos grandes polos de lecer activo e contacto coa natureza do municipio.
Neste sentido, o proxecto complementa outras actuacións xa executadas ou presentadas no Lago Castiñeiras relativas ao PSTD, como a restauración ambiental, a creación de novas zonas de silvicultura e a recuperación dun antigo miradoiro na zona de Santomé.
