Ambos programas, un coordinado polo Concello e outro que xestiona a Fundación Santa María la Real, procuran ofrecer ás persoas desempregadas formación para mellorar a súa inclusión laboral
O Concello de Marín informa de que aínda hai prazas dispoñibles para participar nos grupos dos hubs de empregabilidade que impulsa a Fundación Santa María La Real e a Xunta de Galicia, un programa gratuíto dirixido a mellorar as oportunidades laborais das persoas desempregadas e que agora recala na nosa vila.
O programa comezará en Marín nas vindeiras semanas e desenvolverase en formato semipresencial, combinando sesións presenciais na Aula Cemit da Biblioteca con formación en liña, o que facilita a conciliación e a participación activa das persoas inscritas.
Poden participar mulleres e homes maiores de 18 anos en situación de desemprego, con independencia do seu nivel de estudos —ESO, Formación Profesional, Bacharelato, Universidade, Máster, etc.— e procedentes de calquera sector profesional, con ou sen experiencia previa.
As persoas participantes traballarán en equipo no deseño dun plan integral de procura de emprego, incorporando dinámicas de intelixencia emocional para definir o seu obxectivo profesional e adquirindo ferramentas actualizadas para realizar unha busca de traballo máis efi caz, adaptada ás últimas tendencias do mercado laboral.
Ademais, o programa ofrece a posibilidade de acceder a formacións técnicas en sectores con alta demanda, como as enerxías renovables, a loxística, a xestión administrativa ou o comercio, entre outras opcións.
A inscrición é aberta e gratuíta e pode facerse a través da web https://hubsempleabilidad.com/. Unha vez realizada a inscrición, o equipo do programa porase en contacto coas persoas participantes.
Últimas prazas para o Programa Integrado de Emprego
Por outro lado, apenas quedan as últimas prazas do Programa Integrado de Emprego, tamén dirixido a diversos colectivos con difi cultades á hora de conseguir un emprego: as persoas desempregadas de longa duración, as persoas desempregadas con discapacidade, as mulleres desempregadas e os menores de 30 anos.
O obxectivo é posibilitar a integración laboral destas persoas con accións de diferente natureza, tales como:
● Información, orientación e asesoramento.
● Formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas.
● Técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.
● Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.
● Fomento da capacidade emprendedora.
● Prospección empresarial.
● Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.
● Formación para o emprego.
● Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, de ser o caso, co contido teórico práctico das accións formativas.
● Obradoiros sobre mobilidade laboral.
Cada participante terá o seu itinerario persoalizado de inserción según a súa formación, experiencia profesional, inquedanzas, aptitudes e os seus propios obxectivos profesionais.
A inscrición pode tramitarse chamando ao Concello de Marín e preguntando polo Axente de Emprego e Desenvolvemento Local.

