Os tres portavoces do PP da comarca.

A proposta actual ignora as 3.600 alegacións veciñais e carga a suba sobre as familias, “polo que é necesario manter a mobilización”

Os portavoces municipais do PP no Morrazo —Dolores Hermelo (Cangas), Elena Estévez (Bueu) e Alfonso Piñeiro (Moaña)— fixeron un chamamento conxunto á participación masiva na manifestación convocada para o luns 22 en Cangas contra o tasazo da basura impulsado polo goberno da Mancomunidade, presidido polo BNG.

A portavoz de Cangas, Dolores Hermelo, destacou que “desde o luns pasado que se anunciou que se pospoñía a Asemblea non temos oficialmente ningunha comunicación” e lembrou que “houbo unha resposta de toda a poboación do Morrazo en contra deste tasazo, deste imposto ás familias”. Por iso, advertiu de que o aprazamento non pode presentarse como un asunto técnico: “Pedimos a todo o mundo que veña porque non se poden facer as cousas por imposición como pretende o goberno da Mancomunidade”. Hermelo tamén denunciou a falta de información e transparencia: “Non dixeron a verdade co número de alegacións nin cos motivos polos que se pasa a Asemblea a 2026”.

Pola súa banda, a portavoz popular en Bueu, Elena Estévez, recordou que o expediente “comezou xa no mes de xullo, escondido e cun escurantismo que choca cos mantras destes gobernos que falan tanto da participación veciñal”.

Engadiu que, tras o éxito da mobilización, “agora queren facer un lavado de cara, pero para nada vai dar resposta ás peticións da veciñanza, que é quen vai ter que asumir esta suba”. Por iso insistiu en que “hai que felicitar tanto á veciñanza como ás asociacións, porque son os verdadeiros protagonistas deste rexeitamento”, lembrando que “o que mal empeza, mal acaba”.

A subida “inevitable”

O concelleiro popular en Moaña, Alfonso Piñeiro, lembrou que “a señora Santos dicía que esta ordenanza fiscal se ía aprobar si ou si, nun acto de soberbia infinito”. Pero a realidade, explicou, é que “grazas ás miles de alegacións dos veciños, que non escoitaron en ningún momento, agora teñen que revisala”. Engadiu que “é triste que o fagan despois de querer aprobar sen escoitar a ninguén” e asegurou que o PP de Moaña “estará ao lado dos veciños e loitará para que este tarifazo, esta salvaxada, non se leve a cabo”.

Os tres representantes coinciden en que o atraso da ordenanza non debe relaxar a mobilización porque a proposta mantén unha subida inasumible, apenas incorpora as reclamacións presentadas e porque a Mancomunidade continúa actuando con opacidade e improvisación. O PP do Morrazo reitera o seu compromiso en defender ás familias fronte a unha suba que considera antisocial, inxusta e improcedente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *