O PP culpa ao goberno de Félix Juncal pola falta de iniciativa
O grupo municipal do PP de Bueu vén de lamentar a falta de iniciativa, de liderado e de dinamismo do goberno local tras confirmarse o sétimo descenso consecutivo de habitantes, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística (INE) e a perda de exactamente 604 veciños desde que Félix Juncal accedeu á Alcaldía en 2007.
Os populares cren que esta tendencia continua á baixa “ratifica o declive que está a vivir o Concello” e critica que Bueu “sexa o termo que está a quedar claramente máis atrás” nunha bisbarra tradicionalmente tan puxante como O Morrazo mentres os nacionalistas “seguen inmersos no pasotismo e no esgotamento”.
“O constante descenso demográfico que estamos a vivir nos últimos anos é un claro síntoma de que o noso Concello non está funciona. O goberno está facendo que Bueu non sexa un municipio onde a xente se queira quedar a vivir ou onde queira asentarse e anos atrás esta tendencia se producía en todos os concellos agás as cidades e algún das súas áreas metropolitanas. Pero isto cambiou nos últimos anos por certa tendencia alcista da natalidade e a chegada de estranxeiros e por iso termos máis pequenos como Moraña (PP) ou Ponte Caldelas (PSOE) conseguen gañar poboación mentres nós seguimos en retroceso”, analizou a voceira municipal, Elena Estévez.
A concelleira do PP engadíu que o goberno nacionalista ignora constantemente as peticións populares para emprender campañas de empadroamento, aínda que admite que o problema “é máis profundo”, xa que unha iniciativa promocional pode ser útil nun momento puntual, “pero a xente o que quere é unha vila e unhas parroquias en condicións, servizos de calidade, infraestruturas, atención cercana e dinamismo e aí o goberno local está fallando estrepitosamente”
Elena Estévez lembrou que o padrón, “ademais dun síntoma da dinámica do Concello, neste caso negativa”, tamén ten a súa importancia, xa que os recursos públicos que se reciben doutras administracións depende da cifra da habitantes, “polo que estamos perdendo opcións de facer moitas cousas”
A concelleira popular advertíu ademais de que o Concello está a ser apoiado “como ningún outro” pola Xunta e pola Deputación “que non están a rescatar da nada máis absoluta” con investimentos millonarias en estradas, vivenda, medio ambiente ou deportes, entre outras, “pero a xestión municipal, que é a que marca o día a día, non funciona e vese no mal estado das rúas na falta de aparcamentos, na deficiente limpeza e recollida de lixo ou nas praias, por só citar algúns exemplos”.
“Malia o moito que nos chega de fóra, falla gravemente a pata do banco que debía soster o Concello e por iso imos para abaixo e ademais cremos que, tras case 19 anos de goberno nacionalista, hai un esgotamento e un desgaste que non nos fan ter esperanzas de que cambie esta tendencia”, concluíu.

