A Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas vén de recibir unha axuda da Consellería do Mar destinada á substitución do guindastre pluma fixo do varadoiro de Cangas, no marco da convocatoria de proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque, lonxas e ancoradoiros.
Esta axuda, por un importe de 90.250,27 euros, foi concedida ao abeiro da Orde do 26 de decembro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2025, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e tramitada como expediente anticipado de gasto.
O proxecto, identificado co número de expediente PE209G-2025-00004, ten como obxectivo substituír o guindastre pluma fixo actualmente instalado —marca GH, modelo GHD, cunha capacidade de elevación de 8 toneladas e número de serie 57.615— que se atopa no final da súa vida útil. En substitución, instalarase un novo equipo da mesma marca e capacidade, con características técnicas semellantes, que permitirá mellorar a seguridade e a operatividade do varadoiro.
A actuación deberá estar executada e xustificada antes do 15 de decembro de 2025, data límite establecida na resolución de concesión.
Con esta iniciativa, a Confraría de Cangas continúa a reforzar a modernización das súas infraestruturas e a mellorar os servizos prestados ao sector pesqueiro local, favorecendo un entorno máis eficiente, seguro e competitivo.

