A Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas vén de recibir unha axuda da Consellería do Mar destinada á adquisición dunha nova carreta elevadora para a lonxa de Cangas, dentro da convocatoria de proxectos colectivos orientados á modernización e mellora dos equipamentos e infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque, lonxas e ancoradoiros.
Esta axuda, por un importe de 35.220,68 euros, foi concedida ao abeiro da Orde do 26 de decembro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2025, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e tramitada como expediente anticipado de gasto.
O proxecto, identificado co número de expediente PE209G-2025-00018, ten como finalidade substituír a carreta elevadora actualmente en servizo —marca OM, modelo XE20 AC, cunha capacidade de carga de 2 toneladas e número de serie F14032W00057— que se atopa ao final da súa vida útil. A confraría procederá á súa substitución por un novo equipo marca Mitsubishi, modelo FB20N2, de igual capacidade de elevación, que permitirá mellorar as condicións de manipulación e transporte de mercancía na lonxa.
A actuación deberá estar executada e xustificada antes do 15 de decembro de 2025, segundo os prazos establecidos na resolución de concesión.
Con esta medida, a Confraría de Cangas avanza na renovación dos seus equipamentos fundamentais, reforzando a eficiencia operativa das instalacións e contribuíndo á modernización do sector pesqueiro local.

