A Praza do Enleito acolleu un acto de inauguración no que participaron a arquitecta redactora do proxecto e a deputada da Área de Cooperación cos Municipios, ademais da veciñanza do lugar
Bueu inaugura as obras de mellora de mobilidade do lugar do Enleito, un acto que serviu para celebrar esta actuación que supuxo “un antes e un despois” para a veciñanza. Así o cualificou Félix Juncal, alcalde da vila, no acto que se celebrou pola tarde diante da veciñanza do lugar e no que tamén participaron María Pilar Ramallo Vázquez, deputada da Área de Cooperación cos Municipios da Deputación de Pontevedra, e Iria Pazos Neira, arquitecta e redactora do proxecto, e concelleiros e concelleiras da corporación.
O acto comezou coa intervención da arquitecta, quen explicou a xénese do proxecto, os problemas que se afrontaban e as solucións técnicas que se adoptaron co obxectivo de acoller as propostas da veciñanza e humanizar este espazo. Precisamente fixo fincapé en que “partiamos dunha situación moi deficiente, cunha pavimentación moi deteriorada e na que urxía adoptar unha solución que atendese as demandas e preocupacións veciñais”.
Entre os cambios que se acometeron, e que a arquitecta destacou, están a construción dunha plataforma única para mellorar a accesibilidade e favorecer a convivencia entre vehículos e persoas, poñer en valor o patrimonio co cruceiro e a fonte pública, o muro de dúas alturas a través do que se creou unha gran praza, o soterramento das tuberías de conexión e arquetas para eliminar o cableado, e a inclusión dunha canaleta subterránea para recoller as augas da zona que supoñían un problema.

