Juan de Sola.

O libro conta unha historia personal e colectiva sobre o horror nazi. O Museo Torres acollerá o acto este xoves ás 20:00 horas

O Museo Torres de Marín acollerá este xoves, 20 de novembro, ás 20.00 horas, a presentación do libro “Entre los muros del olvido”, escrito polo xornalista Juan de Sola e que rescata a historia persoal e colectiva dun veciño de Campañó, que sobreviviu aos horrores do campo nazi de Mauthausen.
No acto, ademais do autor, participarán Silvana e María Teresa (Mayte), as dúas fillas de Ramón García Martínez, principal protagonista da historia, e contará coa presentación de Antón Sobral.

Sola narra nesta novela a vida de Ramón García Martínez, un sobrevivente do campo de concentración de Mauthausen. Nacido no pobo de Purchena (Almería), e pontevedrés de adopción, a súa existencia estivo marcada pola loita constante contra a adversidade. O xornalista reconstrúe no volume a súa vida e rescata do esquecemento a memoria persoal e colectiva dun home que foi exemplo de superación e de loita contra as adversidades. «Aplicou unha aprendizaxe fóra de serie para responder con capacidades positivas ante a máis desventurada das adversidades», comeza explicando o autor do libro.

Tras unha nenez en Almería e a emigración a Barcelona, marchou ao exilio tras loitar no bando perdedor da Guerra Civil española ata que, durante a Segunda Guerra Mundial, é deportado a Mauthausen. Alí, no medio de condicións inhumanas, traballos forzados e sufrimento extremo, Ramón atopa forzas nunha relación sentimental prohibida e nun inesperado reencontro familiar, que lle permiten resistir e manter viva a esperanza. En 1945, tras finalizar o conflito bélico e producirse a liberalización dos campos de concentración, logra converterse nun dos sobreviventes do holocausto. Anos despois de recuperar a liberdade, decide poñer rumbo a Arxentina, onde conecta e acaba sentimentalmente vinculado coa emigración galega nese país.

Juan de Sola
Xornalista especializado en dereitos humanos e autor de varios libros. Na actualidade forma parte de Onda Cero, cadea de radio á que se atopa ligado desde fai case tres décadas e na que coordina espazos como ‘Contraparte’.

Paralelamente, colaborou en diversos medios de comunicación nacionais e internacionais en temas relacionados cos dereitos humanos, inmigración, igualdade ou xustiza social.

Desde o ano 2007 mantén un inquebrantable compromiso con proxectos de cooperación e cambio social en países de América Latina e África. É fundador das Ong Big Radio e Agareso. E, entre outros recoñecementos, recibiu a Medalla ao Mérito Penal por impulsar unha emisora de radio no cárcere da Lama (Pontevedra).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *