“É o noso dereito e deber como os seus representantes públicos e o único que fixemos foi falar por eles”, indicou a edil do PP que, ao igual que o grupo municipal, considera que o Bloque só buscaba desviar a atención na moción popular polo malestar pola forte suba da taxa do lixo
A concelleira do grupo municipal do PP de Bueu Marta Liméns quixo efectuar unha valoración sobre o pleno celebrado onte no que se debatíu a moción dos populares reclamando a revogación da nova taxa da recollida de lixo, que contempla unha suba de entre o 90% e o 600% para o próximo ano 2026, rexeitando por completo as acusacións vertidas por varios edís do BNG, e nomeadamente de Alberto Moital, sobre ‘hooliganismo’ e suposta incitación á violencia na asamblea xeral da Mancomunidade do Morrazo celebrada o 13 de outubro e na que os nacionalistas aprobaron este brutal incremento deste tributo.
Segundo explicou a edil do PP, os representantes do Bloque só tentaron confundir e desviar a atención fronte á moción popular, xa que non queren abordar directamente o asunto polo enorme malestar que hai na veciñanza, pero advirte que limitouse a exercer as súas funcións en representación dos buenenses: “O único que fixemos na Mancomunidade, como onte no pleno de Bueu, foi darlle voz aos veciños, xa que, como os seus lexítimos representantes públicos, é o noso dereito e a nosa obriga defender os seus intereses”.
Marta Liméns tamén negou rotundamente que lle impedise o uso da palabra ao alcalde, Félix Juncal, durante a asamblea da agrupación comarcal, “xa que non figura entre as miñas competencias a moderación do debate”, que é algo que lle corresponde á presidenta e alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido. Neste senso, engadíu que os concelleiros do BNG buscan sacar a situación de contexto, xa que ela limitouse a queixarse polo feito de que puidesen empregar o micrófono naquela sesión cando dito elemento de son se lle negou aos membros da oposición “nun claro intento de silenciarnos” que tamén se tentou cos veciños coa esaxerada limitación do aforo.
Finalmente, lembrou que nin rexedor buenense nin os seus socios de goberno do PSOE, que tamén respaldaron a suba cos seus imprescindibles votos dado que o BNG non ten maioría absoluta na Mancomunidade, “non fixeron uso da palabra na asamblea, pero exclusivamente pola súa propia decisión, xa que preferiron agocharse para non darlle explicacións aos cidadáns sobre un incremento tan extremo desta taxa”.

