A marquesiña instalada.

Gran paso para a mellora da seguridade viaria e o fomento do uso do transporte público na vila. Hoxe durante a mañá procedeuse á colocación dunha nova marquesiña no coñecido como o “Cruce do Paraíso”, en Coirados, resolvendo así unha gran demanda da cidadanía.

O Concello, coñecedor da necesidade de instalar este elemento no cruce da estrada PO-313 e a EP-0019, realizou a petición á Xunta de Galicia, que é a que ten competencias nesta materia, despois da xenerosidade dun particular, que cedeu o terreo xa que non había outra ubicación alternativa en terreo público.

Esta marquesiña era moi necesaria polas persoas usuarias pola gran cantidade de maiores e de escolares que usan o transporte público ou o do cole, incluíndo neste caso dous con mobilidade reducida.
Coa situación que había ata o momento, coller o bus era perigoso especialmente nos días de choiva, xa que os usuarios tiñan que resgardarse baixo un soportal da marxe contraria e cruzaban ao vir o autobús nunha zona sen paso de peóns.

Así, desta forma e desde hoxe, resólvese un problema de seguridade viaria a todos os niveis e mellórase a calidade de vida da veciñanza de Pardavila.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *