A presidenta de Afamo durante la presentación do proxecto.

A Consellería do Mar vén de aprobar o proxecto “Os recordos do noso mar”, presentado pola Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias do Morrazo (AFAMO) e xestionado polo GALP Ría de Vigo – A Guarda.

A iniciativa, financiada a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e da Xunta de Galicia, conta cun 70% de achega europea e un 30% de cofinanciación autonómica, e desenvolverase ao longo de 19 meses, durante as anualidades 2025-2026.

O proxecto ten como obxectivo principal fomentar o benestar social e preservar o patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas dos concellos de Vilaboa, Moaña e Cangas. Está dirixido a mulleres, persoas mozas, persoas con Alzheimer e outras demencias, persoas con discapacidade e veciñanza do medio rural, garantindo un enfoque inclusivo e interxeracional.

O traballo de reminiscencia constitúe o eixo central do proxecto, promovendo actividades que rescaten e poñan en valor as vivencias, os oficios e o legado cultural vinculado ao mar. A través destas accións preténdese crear espazos de encontro nos que a memoria colectiva e o sentimento de comunidade teñan un papel fundamental, fortalecendo así a identidade mariñeira do territorio.

O proxecto foi presentado recentemente nun acto celebrado na Praza de Abastos de Cangas, no que participaron representantes, dos concellos de Cangas, Moaña e Vilaboa, así como das entidades colaboradoras e colectivos implicados.

Durante o acto, a presidenta de AFAMO, Josefa Cancelas, destacou que “Os recordos do noso mar” representa unha oportunidade para unir memoria, cultura e inclusión social a través do mar, recuperando as historias que nos fan comunidade e territorio”.

A iniciativa conta coa colaboración de múltiples entidades sociais, culturais e educativas, entre elas , a Asociación Juan XXIII, a Asociación DOA, a Asociación Cultural e Recreativa Sueste, o IIM-CSIC, as confrarías de pescadores de Moaña e Vilaboa e a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos de Moaña,  Asociación de xubilados do Concello de Vilaboa, asi como diversos centros educativos da comarca ademais do apoio dos concellos participantes.

Entre as accións máis destacadas inclúense os obradoiros terapéuticos de reminiscencia, as representacións didácticas sobre “As peixeiras da patela” e “Os botiforas do mar”, así como os encontros interxeracionais “Xogos na maré” Con “Os recordos do noso mar”, AFAMO reafirma o seu compromiso coa innovación social e coa posta en valor do patrimonio mariñeiro, apostando pola cooperación entre institucións e entidades do territorio para construír un Morrazo máis inclusivo, sostible e con memoria compartida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *