O departamento de Servizos Sociais organiza estes cursos, activos desde este mes e ata xuño e para os que hai prazas dispoñibles

O departamento municipal de Servizos Sociais pon en marcha un ano máis o seu programa Vida Activa, unha iniciativa pensada para maiores de 60 anos e que permite ofrecerlles actividades saudables en espazos municipais entre os meses de outubro e xuño e que ten por obxectivo promover e consolidar o
envellecemento activo.

A finalidade é a do mantemento das condicións óptimas de saúde, fomentando rutinas físicas, mentais-cognitivas, sociais e emocionais das persoas a partir dos 60 anos, co obxectivo de previr posibles situación de deterioro global e potenciando e mantendo as capacidades psicolóxicas, sociais e emocionais.

Por unha banda, ofrécense cursos de ximnasia nas parroquias de Mogor e Seixo, os luns, mércores e venres. No caso de Mogor, celébranse na Casa de Cultura, de 17.00 a 18.00 horas, e no Centro Social da Barriada, de 18.15 a 19.15 horas. Con respecto a Seixo, as sesións son no Centro Escolar, de 19.30 a 20.30 horas.

Por outro lado, e como novidade este ano, ofrécese un obradoiro de memoria, que se desenvolve na Finca de Briz, de 10.00 a 11.30 horas.

Neste momento, aínda hai prazas dispoñibles para as persoas interesadas, que deberán chamar a Servizos Sociais para poder participar ao número de teléfono 986838117.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *