Con esta intervención, pasou de ser un camiño intransitable a unha vía funcional, que fomentará a rehabilitación das vivendas ao seu paso. A financiación foi con cargo ao Plan +Provincia
A forma máis efectiva de fomentar o crecemento do rural e a súa igualdade de servizos co casco urbano é coidando as comunicacións e promovendo proxectos que permitan unha revalorización das vivendas.
Nesa filosofía, enmárcase o Plan de Pavimentación de Camiños Rurais que desenvolve o Goberno local cada ano e no que se incluíu o Camiño do Chamo, en Pardavila, que foi visitado hoxe pola veciñanza da zona, acompañados pola alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas. Tratábase dun camiño que estaba prácticamente intransitable e que se anegaba.
Aínda que xa hai varios anos se instalaran, coa colaboración da Comunidade de Montes de San Xulián, os servizos de saneamento e abastecemento, faltaba realizar unha nova canalización de recollida de augas pluviais, pechar as cunetas e pavimentar todo o camiño, recrecendo as tapas de rexistro.
Con esta intervención, non só se consegue mellorar a conectividade dentro do propio núcleo, senón que se fomenta a rehabilitación das vivendas que existen nas beiras do vial, así como a revalorización dos solares edificables.
A inversión realizada nos máis de 200 metros que ten o camiño está dentro do Plan de Pavimentación de Camiños Rurais do 2025, que ascende a 335.000 euros, financiados a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra. Ademais deste camiño, tamén está xa rematado o de Viñas Blancas, e están en plena execución o de Currás e o que vai do cemiterio ao campo de fútbol en Santomé de Piñeiro. Despois, será a quenda do Camiño en Mogor-Praia de Portocelo, o do Cruceiro da Brea – San Blas, o de Moledo e o do Pazo.