Seá este sábado, día 4, no Parque Eguren e haberá que inscribirse previamente en ponteaconducir@gmail.com. Dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
A educación vial volverá ser a protagonista este sábado, entre as 10.00 e as 13.00 horas no Parque Eguren, grazas a unha xornada de formación e sensibilización organizada pola plataforma Ponte a Conducir, e que está dirixida para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Para participar, será preciso inscribirse previamente en ponteaconducir@gmail.com, aínda que tamén será posible anotarse no propio circuíto se hai prazas libres.
Haberá circuítos de karts, peóns e ciclistas; un concurso de debuxo sobre eduación viaria, exposicións de vehículos da Policía Local, a Garda Civil de Tráfico, a BRILAT, os servizos de emerxencia, Cruz Vermella, Protección Civil e a Policía Nacional; un obradoiro de mantemento de bicis e charlas para as familias.
Desde a organización, lembran que cada neno/a deberá levar o seu propio medio e transporte e casco para utilizar no circuíto (bici, moto, triciclo…), aínda que tamén poden participar como peóns. Ademais, deberán estar acompañados dunha persoa adulta.