Acompañada do arquitecto Miguel Porras, comprobou o avance dos traballos e iniciou a coordinación de cara á instalación do novo equipamento
A Mesa de Contratación realizou unha proposta de adxudicación do subministro e instalación de equipamento técnico e escénico para o Auditorio en favor daempresa Tecesa Acústica Visual SL, a c onsiderada a mellor oferta das tres que se presentaron.
“Agora, estamos en proceso de requerimento da documentación correspondente para proceder á adxudicación definitiva e poder, canto antes, pedir o material necesario”. Así o explicou a alcaldesa, María Ramallo, nunha visita de obra ao novo equipamento cultural, na que estivo acompañada do arquitecto da obra, Miguel Porras, e do xefe de Informática do Concello.
As obras están a avanzar a moi bo ritmo, estando traballando xa a empresa tamén na parte exterior, que leva uns parterres axardinados que permitirán unha mellor integración do edificio coa contorna.
No que respecta ao equipamento que se recibirá con esta adxudicación, a alcaldesa explica que “permitiranos acoller o día de mañá eventos culturais de gran envergadura e, sobre todo, entrar na Rede de Auditorios de Galicia, que nos asegura a cofinanciación da Agadic para traer o mellor das artes escénicas feitas na nosa comunidade”.
Por outro lado, séguese executando a obra de subministro eléctrico ao propio edificio e a dotación de equipamento tecnolóxico para a Oficina de Turismo Virtual, que se ubicará nunha zona do hall do Auditorio.