Voluntarios e usuarios da campaña de Afamo.

A Asociación de Familiares de persoas con  Alzheimer e outras Demencias do Morrazo (AFAMO) está a desenvolver o proxecto “Modelo de voluntariado interxeracional no ámbito dos coidados ás persoas maiores na comarca do Morrazo”, financiado pola Consellería de Xuventude a través do programa Talento Interxeracional.

Trátase dunha iniciativa pioneira nos concellos de Moaña, Bueu, Cangas e Vilaboa, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores, fomentar o envellecemento activo e sensibilizar á mocidade sobre as oportunidades profesionais no sector dos coidados.

O proxecto conta coa participación de 8 persoas voluntarias (4 mozos/as de entre 16 e 35 anos e 4 persoas maiores de 55), organizados en parellas interxeracionais. Nesta dinámica, a persoa maior exerce como titora, transmitindo coñecementos e experiencias á persoa máis nova. As temáticas abordadas ata o de agora foron: a cociña tradicional, os traballos das redeiras, o cultivo no campo e a música como terapia.

As actividades inclúen obradoiros nos centros, sesións de estimulación cognitiva e funcional, dinámicas de reminiscencia, coidados básicos e mesmo saídas de fin de semana para fortalecer a convivencia e o aprendizaxe mutuo. Ademais, en Vilaboa, o proxecto terá un papel clave no deseño dun modelo de intervención sostible e replicable.

Segundo AFAMO, os resultados da primeira edición foron “excepcionais”, tanto no impacto positivo sobre as persoas maiores e as súas familias como na motivación e formación práctica da mocidade. Este éxito confirma o potencial do voluntariado interxeracional como ferramenta de inclusión, aprendizaxe e apoio comunitario no rural galego.

“Este proxecto é innovador porque rompe cos roles tradicionais: os maiores non son só receptores de atención, senón axentes activos que transmiten saberes e experiencias, ao tempo que a mocidade descobre un sector con futuro e valor social”, destacan desde a entidade.

Con iniciativas coma esta, AFAMO consolídase como un referente en innovación social na comarca do Morrazo, poñendo en valor o talento interxeracional e reforzando a rede de apoio comunitario para as persoas maiores e as súas familias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *