Terrazas da alameda de Marín.

Recibíronse 17 peticións neste sentido da hostalaría, moitas coincidentes no mesmo horario e lugar. Así, autorizaranse 4 horas en conxunto para os bares dunha mesma zona e 3 para aqueles bares que estean máis illados

Despois da reunión informativa mantida coa hostalaría de cara a coordinar a celebración este sábado do San Migheleiro, no Concello recibíronse 19 peticións para uso do espazo público, das cales 17 solicitan música na rúa, ben sexa con altavoz ou con DJ. Nesta reunión, o Concello xa informara da premisa de que a música na rúa debe rematar ás 01.00 horas e que non poderá habela entre as 15.00 e as 17.00 horas, para respectar o horario de comidas e descanso.

Ante esta situación e tendo en conta que a gran maioría das peticións coinciden nas mesmas zonas e na mesma franxa horaria, entre as 17.00 e a 01.00 horas, o Concello está coordinando as peticións dunha forma na que se poida conciliar a festa, que, como recalca o Goberno local, “está pensada para desfrutar durante o día”, e o descanso da veciñanza.

O que se procura coas autorizacións é zonificar a música na rúa para que non se colapsen varios DJs na mesma zona, tendo música a un elevado volume durante moitas horas seguidas. Desta forma, nas zonas onde haxa varios locais, autorizarase un máximo de 4 horas en música en total, namentres que onde haxa só un bar con petición de música na rúa, autorizaránselle 3 horas.

O obxectivo é poder celebrar a festa coa diversión que a caracteriza, pero tendo en conta que San Migheleiro tiña unha filosofía de ruta que a día de hoxe está desvirtuada debido, precisamente, á cantidade de horas seguidas de música enlatada que se veñen solicitando. O Concello procura que se revitalice o movemento entre os locais e que se poida desfrutar da festa durante o día e ata a noitiña, e non tanto na madrugada, por ser unha festa que arranca antes das 12.00 horas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *