A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión da liña de axudas a clubs e entidades do ámbito do deporte para a organización de eventos e actividades deportivas. As axudas, que ascenden a 550.000 euros neste 2025, 50.000 € máis que o pasado ano, benefician a un total de 153 club da provincia. No que respecta á comarca do Morrazo 13 clubs deportivos recibirán ata preto de 20.000 euros para organizar actividades e eventos nos concellos da Bueu, Cangas do Morrazo e Moaña.
O Club Bueu Atlético Balonmán e o Clube de Loita do Morrazo reciben contías entre os máis de 1.100 e os preto de 1.800 euros para impulsar actividades en Bueu. Pola súa banda o Club Balonmán Cangas, Luceros, o Alondras club de Fútbol, o Club de Billar Pooleros del Morrazo, o Club de Remo Vila de Cangas, o Club Náutico de Cangas e o Club Náutico Rodeira benefícianse de entre 784 e os máis de 2.600 euros para poñer en marcha campionatos de España, torneos de fútbol, bandeiras, semanas náuticas e festivais de windsurf en Cangas do Morrazo. Ademais, a Asociación Deportiva Punta Fondón, o Club Taekwondo Patiño, a Escola Futsal do Morrazo e a Sociedad Deportiva Samertolameu reciben entre os máis de 800 e os preto de 1.900 euros para poñer en marcha un open internacional, un torneo de fútbol de base e unha bandeira de bateis en Moaña.
En liñas xerais, cos recursos provinciais, os 150 clubs deportivos beneficiarios dos 550.000 € poden organizar competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacionais como campionatos ou copas de España ou do Mundo e competicións deportivas oficiais de alto nivel, e tamén competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais.