A autorización da Consellería do Mar no mes de xaneiro á Octolarvae para a instalación dun criadeiro experimental de polbo común está a permitir o desenvolvemento dun proxecto pioneiro en España no lugar da Borna, relacionado co comportamento dos cefalópodos na súa fase larvaria para lograr xuvenís cos que rexenerar os ecosistemas das rías. A responsable deste departamento da Xunta, Marta Villaverde, visitou a planta desta entidade na que se está a levar a cabo esta iniciativa e outras actividades de investigación e desenvolvemento relacionado coa acuicultura e a bioloxía de diferentes especies galegas.
Deste xeito, a filial de Profand, en colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) -unha das entidades científicas máis prestixiosas a nivel nacional-, traballarán de forma conxunta durante os próximos cincos anos para superar os desafíos biolóxicos e tecnolóxicos coa fase larvaria, actuación considerada como un dos maiores retos científicos no ámbito da acuicultura mariña.
A instalacións contan cunha planta duns 350 metros cadrados, que está equipada con tecnoloxías e recursos de última xeración para o cultivo de cefalópodos. Así, alberga distintas áreas de cultivo de microalgas, Artemia e fitoplancto, esenciais como alimento de larvas e tanques específicos para reprodutores e o desenvolvemento larvario.